in

Que vaya bonito

quevayabonito2 |

A dez centímetros de ti

| Carla Capeáns |

quevayabonito2

 

Teatro de Cerca, nada no 2003 en Cataluña, é unha compañía formada por tres creadores que apostan por un “facer” diferente. Coñecidos e recoñecidos son os seus espectáculos “domésticos” nos que toman como escenario o salón dunha casa, o da túa ou o da miña.

Que vaya bonito é unha festa. Unha festa con comida e bebida á que o público acode como invitado. Asistimos á festa sorpresa de despedida de David, que marcha vivir a México. Alí estamos todos, nós (amigos e familiares de David) e os seus dous irmáns. A historia en si mesma non presenta unha maior complexidade. É unha historia simple e sinxela máis a dificultade deste espectáculo radica na forma, no xeito de contar e transmitir eses conflitos internos dos protagonistas, eses conflitos familiares que afloran lentamente.

Publicidade

Aquí o público non é un mero espectador, senón que forma parte da acción. Sen os convidados non hai festa ou o que é o mesmo: sen o público non hai espectáculo. Os actores e o público comparten o mesmo plano. Evidentemente en toda creación teatral o público acada un papel importante pero existen diferentes grados de implicación. Temos aos actores a menos dun metro de distancia (en ocasións a menos de dez centímetros), podemos oír a súa respiración, podemos percibir cada detalle, cada matiz dramático.

Créase unha atmosfera de tal intimidade que o público chega a crer o seu propio papel. Hai un contacto directo cos convidados que non resulta incómodo en ningún momento.

Os protagonistas comparten con nós os seus pensamentos, as súas verdades e o seu sufrir. A acción detense, conxélase e escoitamos a realidade de cada un dos personaxes. De súpeto, retómase a acción, a festa. Estes monólogos internos que nos agasallan son verdadeiras confesións. Confesións secretas que nun principio só comparten co público pero que rematan por aflorar por mor dos conflitos familiares. Funciona moi ben a ruptura e o paso do cómico ao dramático e viceversa, máis neses momentos máis íntimos cargados de rancor, de sufrimento e de odio abúsase en exceso dos golpes de voz e dun volume elevado.

Ritmicamente, este é un espectáculo dinámico e espontáneo, en constante evolución. Na metade da peza decae levemente o ritmo. O público goza dese ambiente festivo pero ten a suficiente información como para desexar que se de un paso máis. Ten curiosidade por saber como se van a resolver todos os conflitos que se foron perfilando ata ese momento. Pero pronto se lle dá ao público o que precisa.

Manexan o espazo de xeito incrible, pechan e abren a escena no momento preciso facendo que se estenda a acción as rúas de Ribadavia.

En definitiva, Que vaya bonito é un deses espectáculos que hai que sentir e tamén é un exemplo do que realmente debe existir no teatro: verdade.

 

Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia

Que vaya bonito, de Jorge-Yamam Serrano
Compañía: Teatro de Cerca
Dirección: Jorge-Yamam Serrano
Elenco: Carmen Flores, Jorge Cabrera e Jorge-Yamam Serrano
Deseño espazo escénico: Jorge-Yamam Serrano
Iluminación: Nico Aguirre
Son/música: Jorge Cabrera

Publicidade

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 25-07-2014

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

decamerc3b3n |

Decamerón, historias para tempos ruíns

paisdosananos1 |

Ultranoite no país dos ananos