in

Improperio D.F.

improperio |

Improvisar e non morrer no intento

| Inma López Silva |

Improperio.jpg

 

Improvisar non é nada fácil. Non só require unha importante formación actoral que permita manexarse rapidamente en distintos rexistros, tendo en conta, dunha forma case automática, o contexto, a situación e as relacións con todo o que comparte escena co improvisador. Ademais fai falla ter chispa, rapidez mental, esa sorte de intelixencia enxeñosa que marca a diferenza entre a improvisación como exercicio e a improvisación como espectáculo. Así de atrevidos, xa que logo, son este grupo de novísimos actores e actrices que crearon a compañía Triatreros para ofrecer este formato escénico tan pouco habitual nos escenarios galegos. Puidemos velos recentemente, ademais, noutro exemplo de feliz atrevemento, o da sala Ingrávida do Porriño, un teatro estupendo cunha intensa programación que sabe construírse non só desde a eficacia das compañías probadas, senón desde a certeza de que só dando espazo aos máis novos e arriscados o teatro galego poderá dar o paso que precisa arestora para avanzar, e, se cadra, para seguir vivo.

Improperio, na liña da compañía, é un traballo que concatena xogos de improvisación nun espectáculo interactivo que ten a intelixencia de involucrar o público para dar maior sensación de automatismo e casualidade no traballo escénico. Sitúanse na liña do teatro de proximidade no que o espectáculo non é a ficción, senón a propia teatralidade e as habilidades dos actores para construíren teatro case ao ritmo da esixencia dos propios espectadores, ou máis ben, das propostas que estes fan nuns papeliños que deben escribir ao sentaren nas cadeiras. A partir de aí, distintos exercicios (o que a compañía chama “xogos”) amosados con certo ar circense, enchen o tempo con humor, confusións, música (un acerto, da man de quen ademais é un dos mellores actores da compañía, David González) e, sobre todo, unha atolada mestura de temas, referencias á actualidade e imaxes que ten a gracia de saber que é máis efémero e irrepetíbel ca o propio teatro, pois esa impro que vemos existe só porque se deu a conxunción máxica de persoas, actores e os seus papeliños nese momento e nese lugar.

Publicidade

Por veces, o Improperio perde a axilidade necesaria para que as improvisacións non semellen simples exercicios de técnica interpretativa, e neses momentos cae o ritmo, cae a calidade interpretativa, cae a conciencia vocal e lingüística (por que ao perdérense na improvisación falan tan mal galego, ou tan mal castelán?), e cae a limpeza nas accións. Por veces, tamén, albíscase unha desigualdade importante entre uns actores e actriz nos que se evidencian diferentes niveis de experiencia e de capacidade improvisatoria, mais son valentes, e alí onde logran fiar ben a impro, realmente conseguen ese resultado refrescante, vivo e divertido que é a improvisación como espectáculo. Non deixen de ir velos cando dean cunha das súas funcións.

 

Improperio D.F. de Triatreros
Compañía: Triatreros
Intérpretes: Bea Campos, Omar Ferrín, Tone Martínez, David González Lorenzo

Sala Ingrávida, Porriño, 30 de agosto, 2014

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

tc3a9 con kant 11 |

Té con Kant

mancasme man |

Máncasme man