in

Cena con amigos

cena con amigos |

Fóra de campo

| Camilo Franco |

cena con amigos

 

Son interesantes os problemas dos demais? Son interesantes porque si ou porque non son nosos? Descontando o efecto lupa que o teatro é para os problemas, quizais a busca de un teatro inmediatamente humano teña máis que ver coa idea particular que cada quen teña do que é humano. A estatística asegura que hai poucas cousas que a humanidade leve practicado tanto como matar e, sen embargo, matar non parece humano.

Case seguro que estamos de acordo en que os problemas das parellas son humanos. Quizais tanto como para identificalos como problemas xerais, como un asunto co que todo o mundo se sente automaticamente identificado. Como espello ou como terapia.

Cena con amigos é un título despistante para unha obra na que, en realidade, non pasa nada que non lle pase a moita xente. É unha historia común: unha parella que se divorcia e o compartamento doutra parella amiga que vai cambiando o seu xeito de tomar partido. Non hai nada extraordionario na historia agás o feito de que está contada. Hai unha ruptura, un distanciamento e unha transformacións dos personaxes sen estridencias, quizais unha parte do público pode considerar todas eses cambios como lóxicos. Non hai nada extraordinario a non ser que pensemos que o resentimento que vai protagonizando a obra é algo fóra do común. Ou que a envexa que sente unha parella incapaz de asumir o seu fracaso diante de outra que se desfai  para pasar outra cousa (mellor) non é o que move ao cambio de comportamento. Contado así, como xente que se mira a si mesma con tanta atención que xa non consegue escoitar nada do que sucede fóra, explica ese xeito no que por veces a lupa do teatro non acaba de centrar o cristal sobre a importancia da historia.


Publicidade

Esta é unha historia de miseria, de miseria pequena, sentimental. Esa miseria que leva distinguido á clase media desque existe, esa miseria con egocentrismo de clase e que chama para si polo valor das cousas humanas. Aí están os catro, felicitándose pola súa falta de desgraza ata considerar que é un drama que alguén rompa o conseguido. Está explicado alto e claro, cunha dose de realidade que achega a peza tanto ao teatro burgués que quizais merecería unha revisión. Cunha aproximación frontal tan directa á realidade que o espectador debería acabar odiando aos personaxes por perder o tempo dese xeito tan miserable. A obra non esquiva algún dos tedios propios das casas na praia, nin de que as parellas interpretadas sexan liberais só no económico. Pero quere aproveitar algunhas inflexións para devolver un pouco de humor non moi negro nas réplicas, de xeito que o público pode interpretalo como unha invitación á comedia de situación por iso de que as infidelidades cruzadas teñen ese punto de enredo. E quizais si. Quizais Cena con amigos sexa un enredo con foto fixa e cun retrato dunha xeración que foi sobrevivindo a si mesma a base de autoengano e culpabilización dos demais. A foto pode ser exacta, pero hai algo que queda fóra de campo. Algo inquedante, algo que ben podería explicar como somos ademais de como nos comportamos.

 

Cena con amigos de Donald Margulies
Dirección y adaptación: Daniel Veronese
Elenco: May Pascual, Gloria López, José Olmo, Orencio Ortega.

Teatro Colón. A Coruña. 19/09/2014
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

celsoparada |

Misterio cómico

packcosmico |

O pack cósmico