in

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas
Foto de Miguel Ángel Fernández

De Casares ao talento

| Inma López Silva |

Miguel Ángel Fernández

 

Non hai mellor homenaxe a Carlos Casares que a produción da súa peza de teatro infantil cunha xeración de actores e actrices novos e formados, con exquisitez técnica e fondo talento, nun centro que foi tamén o seu soño e o seu compromiso persoal: a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. E é que esa é, fundamentalmente, a diferenza entre a produción de 2004 deste espectáculo e esta de agora, a existencia dunha Escola propia que formou unha parte dos actores. E iso nótase na limpeza da interpretación, no emprego dos recursos, no aplomo co que se asume a propia presenza no escenario.

Xa en 2004, As laranxas… era un espectáculo basicamente centrado no aspecto visual cunha fermosa e suxestiva escenografía circular que homenaxea o circo como espazo máxico e que sabe integrar o mundo fantasioso e disparatado da literatura infantil de Casares. Todo é excesivo e, ao tempo, todo é infantil, sen necesidade de recorrer a parvos diminutivos nin aos tópicos do politicamente correcto para contar unha historia apta para nenos que tamén poden ser educados desde a pura contemplación estética e o lecer. O espazo escénico, coma nun soño luminoso cargado da imaxinación desbordante dos nenos na que todo é posíbel, centra a mirada nas grandes laranxas que, penduradas do teito, enchen de cor unha escena que flúe grazas ás accións dos personaxes arredor dun fío argumental case esvaído: que facer con esas laranxas que non parecen laranxas? A partir de aí, dá comezo unha louca alegoría na que están presentes as relacións entre homes e mulleres, a idea da amizade e da axuda mutua, a relación co poder e a crítica ao autoritarismo. As laranxas…, por iso, é só aparentemente inocente. Igual ca os nenos.

Publicidade

Tamén en 2004 a música era un elemento fundamental da posta en escena, pero nesta ocasión está mellor integrada, hai máis dinamismo e, sobre todo, eríxese en espectáculo en si mesma para captar a atención dos pequenos espectadores, tan esixentes e cos que é tan necesario pór en funcionamento mecanismos de captación da súa atención non baseados no contido argumental, algo que Casares sabía ben. Malia todo, hai quizais un elemento mal medido no ton intrigante, e mesmo en ocasións algo medoño dunha obra que temática e estruturalmente vai orientada a un público infantil de rangos curtos de idade (e por tanto, facilmente impresionábel) mais que plasticamente resulta un tanto chocante para o mesmo público hipotético.

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas é unha peza sen complexos que esixe, tamén, actores e actrices liberados que sexan quen de transmitir o goce sobre as táboas e que sexan quen de amosar versatilidade corporal e vocal, permanentemente situados na esaxeración coma linguaxe e hábiles na linguaxe musical. Neste senso, o casting, evidentemente, priorizou actores e actrices con formación específica musical ou, polo menos, cunha certa habelencia rítmica, o que permite unha optimización da música en escena a través do emprego de instrumentos que se converten en obxectos e que, deste xeito, se integran á perfección na linguaxe visual desde o espazo sonoro. Hai, ademais, unha boa dirección de actores que os iguala pola parte alta, é dicir, que establece un nivel de corrección mínimo no que se sitúan todos e que dá unidade ao conxunto actoral dunha obra coral na que non debería destacar ningún actor ou actriz (e, por tanto, o seu personaxe) sobre os demais.

É un bo costume que o CDG faga teatro infantil, e sería idóneo que na súa programación houbese sempre un espectáculo orientado a estes espectadores. É un investimento en públicos que, ademais, incide na necesaria formación do público teatral que é, ou debera ser, prioridade das nosas autoridades culturais. Iso si, a carón doutros espectáculos, deses que pode asumir a compañía pública. Deses que estamos desexosos de ver en tempos de crise.

 

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares
Versión e dirección: José Caldas
Compañía: Centro Dramático Galego
Elenco: Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu, Laura Villaverde.
Composición e dirección musical: Bernardo Martínez
Escenografía e vestiario: Marta Silva
Iluminación: Juanjo Amado
Maquillaxe e perruquería: Dolores Centeno.

Teatro Principal de Ourense, 3 de outubro, 2014.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

otelo |

Otelo

olivia y eugenio |

Olivia y Eugenio