O estado salvaxe. Espanha 1939

Biografías que importan

| Manuel Xestoso |

Semella que se expande a conciencia de que a vida pública se constrúe cos ladrillos das diferentes historias persoais. A pequena intrahistoria dos que trataron de edificar –silenciosos ou silenciados– unha existencia propia durante a ditadura de Franco resulta esclarecedora para elaborar o retrato colectivo daquela época. Revelar o que ocultaron os disimulos de entón serviría, ademais, para desvelar o que agochan os mutismos de hoxe.

O estado salvaxe. Espanha 1939 explora a memoria persoal da familia do autor –dos seus avós– para interrogar un pasado que aínda se erixe como obstáculo para a convivencia. O relato que descobren estas humildes biografías –que a primeira vista poderían parecer intranscendentes– resulta sorprendentemente profundo e elocuente, e explican esa chamada á solidariedade que se repite coma un mantra ao longo do segundo acto: “penso que un home só ou unha muller, así, tomados de un en un, son coma po, non son nada”.

Non obstante, si se intúe a extraordinaria importancia dos suxeitos nesta crónica: é a partir das súas experiencias e as súas lembranzas que se descobre a avalancha de desarraigo, desencanto e miseria moral que rematan por derrotar o individuo. Hai unha autoinculpación que é produto dese fracaso. E hai a esperanza de que a transferencia da memoria sexa a liturxia que permita o paso do puramente persoal ao comunitario, o ritual liberador que propicie a toma de posición ante o propio pasado.

Pablo Fidalgo Lareo materializa este ritual dende os presupostos do teatro documental, coma se a ficción non puidese dar conta exacta da súa transcendencia. O primeiro acto consta dun filme montado a partir de gravacións familiares en super-8 ao que se superpón o monólogo do avó. O segundo acto é unha carta ás netas que a propia avoa le dende o escenario.

Hai un diálogo entre ambos monólogos que delata tensións: de clase, de xénero. Mais tamén o encontro fundamental: o amor. Un amor, afírmase, que ten a súa base no rancor cara ao mundo. Unha forma de amor que encarna a vontade de, malia todo, resistir, de encarar a vida como loita. Unha loita que agora se entende como responsabilidade que debe transmitirse ás novas xeracións.

Renxe, a este respecto, un elemento: a lingua que lle foi roubada á protagonista –que así o fai constar explicitamente– é preterida en favor da imposta pola ditadura. Non se entende moi ben por que este entreguismo no medio dunha invitación á recuperar a memoria do espolio. Por que agasallar con esa vitoria aos vencedores.

“Isto non é unha obra de teatro” proclámase dende o escenario, “senón un acto de vida”. Non obstante, non se renuncia ao escenario, nin ao texto (sobre todo, non se renuncia a un texto realmente conmovedor), nin á representación. É dicir, non se renuncia á posta en escena. O estado salvaxe é teatro e, por suposto, tamén un acto de vida. Pero a vida adoita nutrirse de contradicións. Son moitas as que abrollan na obra, e iso convértea nun espectáculo que contén máis verdade que a maioría dos libros que se poden ler sobre a ditadura.

O estado salvaxe. Espanha 1939 de Pablo Fidalgo Lareo
Creación e texto: Pablo Fidalgo Lareo
Elenco: Mercedes Fernández Vázquez
Imaxes: Manuel Lareo
Montaxe cinematográfica: Xurxo Chirro

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal, 18 de outubro de 2014.

2 comentarios

Deixar unha resposta