in

Who will save me today?

janetnovassave |

(Des)equilibrios

| Manuel Xestoso |

JanetNovasSave

 

O equilibrio é un dos argumentos máis substanciais da danza, tanto técnica coma simbolicamente. O equilibrio implica tamén a posibilidade da caída, indica a fraxilidade da posición do ser humano, lémbranos o inxente esforzo que require manterse en pé. Janet Novás semella querer enfrontar algunhas das cuestións máis delicadas que se relacionan coa conservación ou perda dos equilibrios que debemos gardar na nosa existencia, aínda que o fai a través dun espectáculo –talvez consecuentemente– un tanto desequilibrado.

A inspiración vai en dúas direccións. Por unha banda, hai unha leve trama que se inicia cunha historia de amor disparatada: a protagonista namórase dun robot de xoguete. É ridículo, pero case todos os amores o son cando non se ven dende a primeira persoa, como demostrou Edward Albee na obra A cabra ou Quen é Sylvia? A diferenza é que Albee pretendía afondar na traxedia dun sentimento vivido en soidade, mentres que Novás sitúase na atalaia da ironía para desdramatizar os conflitos.

Publicidade

Por outra banda, hai un traballo corporal que investiga as flutuacións dos estados de ánimo da artista e que propicia os mellores momentos do espectáculo: é nas coreografías onde se expresa con máis nitidez o sentimento de inestabilidade e de dúbida a que nos somete a experiencia cotiá. Apoiándose nun amplo coñecemento da técnica –aínda que libremente interpretada–, Novás logra transmitir desasosego e vulnerabilidade. Hai algo de ritual íntimo na danza que fala de pugnas interiores e de incertezas e que lle outorga forza e convicción á función.

Ademais das partes bailadas, hai situacións inquietantes, como a descrición da propia morte: “agora estou viva, agora estou morta”; concesións á un humor case de music-hall, como o hilarante dúo realizado co robot; instantes de intimidade co público. Polo medio, porén, dáse un desenvolvemento no que se sospeita a argucia de estirar o espectáculo ata chegar a duración estándar do formato grande, tempos mortos e parénteses de inanidade que provocan baleiros e comprometen a intención.

Non obstante, a ironía logra impoñerse mesmo nas seccións máis frouxas e o público acaba aceptando a peza como comedia. Un cáustico clímax final con banda sonora de Bonnie Tyler e estética kitsch sostén esta interpretación e transforma a obra nunha celebración posmoderna que elude a responsabilidade de dar respostas, deixando que sexan os espectadores os que respondan as cuestións que enuncia.

 

Who will save me today de Janet Novás
Dirección Artística, escenografía e intérprete: Janet Novás
Asistencia Artística: Ricardo Santana
Música Original: Haru Mori
Vestuario: Cyril Wicker
Iluminación: David Picazo.

Festival Catropezas. Teatro Ensalle, Vigo. 24-XI-2014.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ilmaquinario perplexo |

Perplexo

g 18 |

Que volvan as flores