in

O Crédito

oc ensaios 17 |
Morris e Pedro Alonso

A reiteración da historia

| Camilo Franco |

Morris e Pedro Alonso

 

Nos primeiros tempos da contemporaneidade a historia sucedía como traxedia e repetíase como drama. Na contemporaneidade coetánea a historia é traxedia e comedia a un tempo. Todo depende do lado que che toque estar. Se che toca no lado correcto da mesa, aínda che queda tempo para rir. Pero decidir cal é o lado correcto é o gran drama da contemporaneidade.

O Crédito non vai, en realidade, dos apuros económicos. De algúns apuros si, pero non económicos. A obra tira máis a como cambia a vida cando varía a perspectiva con que participas nela. Cando o lugar que ocupas na mesa deixou de ser o lugar tranquilo. Os bancos son lugares tranquilos, agás que lle debas cartos.

Publicidade

A nova obra de Eme2 comeza como dicían que empezou o mundo: dous personaxes e unha historia que se enlea. Con toda naturalidade, canto máis avanza a obra, máis se enlea a historia. Os personaxes van perdendo pé con respecto ao punto de partida de xeito que os roles cambian ata ese lugar no que nada é o que parecía. Esta non é unha comedia económica porque ese drama no que están baseadas todas as comedias é outro. Incluso agora que todo ten tradución monetaria.

Os personaxes lóianse, pero a obra non. Non se entretén nin deixa que o espectador se entreteña noutra cousa que non sexa atender a dous personaxes que enganan. O espectador ten que ir descubrindo o xogo de cada un deles, pero non lle vai ser difícil porque non están lonxe de tanta xente que anda polo mundo. Os personaxes desta comedia son normais, é a circunstancia a que se volve absurda. Eles tentan manobrar nesa circunstancia e tampouco é que teñan vocación de heroes, nin de guieiros. Eles queren sobrevivir. Con algunha comodidade, a ser posible. Para sobrevivir a secas quizais non se precisen, pero para sobrevivir sen deterioro cada un cre que precisa do outro. A gran fantasía da época contemporánea. A comedia vai cambiando de orientación tal e como os seus personaxes van cambiando de obxectivo. É unha peza sinxela e áxil, está decidida a divertir sen ter que baixar moito nos clixés do humor e deixando que os seus personaxes sexan suficientemente humanos. Deixando que o espectador perciba algo da crueldade innata deste rol: Porque a obra é unha comedia, pero o público pode percibir ese fondo das cousas, a circunstancia atrapada dos personaxes. Esa advertencia non moi simpática: para que alguén ría, alguén ten que sufrir. A historia non deixa de repetirse. Pero é moito mellor que sufran eles.

 

O Crédito de Jordi Galcerán
Dirección: Fernando Bernués
Elenco: Antonio Durán, “Morris” e Pedro Alonso
Axudante de dirección: Carlos A. Puga
Espazo Sonoro: Anxo Graña
Tradución e asesoramento lingüístico: Sandra Romaris e Xocas López
Iluminación: Xabier Lozano
Vestiario: Mari Seoane
Deseño de produción: Xocas López e Koro Etxebarria
Produción executiva: Mercedes Castro
Axudante de produción: Julio Perugorria

Teatro Principal, Pontevedra. 5 de febreiro de 2015.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bobasegalegas |

Bobas e galegas

Ego