in

Supermarket

supermarket |

Palabras como puños

| Roi Vidal Ponte |

supermarket

 

Hai veces nas que as palabras semellan non ter a utilidade suficiente para definir situacións incómodas ou algunha outra cousa igual de odiada: capitalismo serodio, sociedade de consumo, globalización, mercadotecnia. Daquela desbotamos a claridade intelectual dos conceptos e facemos un poema. Porque na poesía si collen as pequenas sensacións que a economía non pode definir. Tamén puido ser que o camiño comezase na outra volta, e que os poemas respirasen tanta vida que se manifestaron reclamando a súa propia existencia escénica. O resultado é en todo caso un novo artefacto liminal ao que ningunha crítica vai poder engaiolar entre ferros taxonómicos.

Carrodeguas lévanos a un supermercado onde os mostradores están cheos de versos. A súa antipoesía de contido social persegue a denuncia por medio da chiscadela irónica e unha prosaicidade provocadora. E en vez de argallar un recital ao uso, ofrécenos un recital tan argallado que se converte en obra de teatro. Non é unha guía telefónica, pero tamén nos axuda a reafirmarnos en que todo é teatralizable.

Publicidade

Entre o spoken word e o cabaret de guerrilla, provista cun portátil á vista e uns elementos de atrezzo que por veces cobran vida, a artista rianxeira, a mesma que con Collage (Barbantesa, 2011) firmaba un dos exemplos máis impactantes e creativos da literatura galega da presente década, segue firme o seu camiño de dinamiteira das constricións xenéricas. O espectáculo pode ser visto como un catálogo de todas as maneiras que hai de dicir un poema: con mofa, de verdade, con música, coa axuda do público, etc. A rapsoda dos tempos modernos non precisa engolar a voz. A súas armas están cargadas dunha orixinalidade futura.

A teatralidade da proposta é curiosamente moito máis radical que a de algúns produtos escénicos ancorados na imitación de formas supostamente posdramáticas. Como nos tempos do simbolismo de Alfred Jarry, moitas veces as rupturas máis enriquecedoras proveñen de círculos non especificamente teatreiros ou dramatúrxicos. Neste caso, a denuncia poética foxe do mitin e inventa fórmulas de extracción televisiva para que o público se implique de maneira convincente e total.

Pena que a súa pouca experiencia como actriz a leve a cometer algúns erros que deslocen o resultado final, e sobre todo pena de que ninguén se decatase de que a extensión dalgúns poemas fai que a súa translación escénica sexa esaxeradamente monótona e insufrible. No teatro, como na poesía, unha grande parte do traballo está en pulir, cortar e podar. E como de romper (moldes, horizontes e comodidades) Carrodeguas sabe bastante, a ben seguro que será quen de mellorar certas facetas polo lado da súa cara teatral. O público, o teatro e a súa propia carreira como actriz llo habían de agradecer. Porque teriamos algo máis que unha prometedora artista multidisciplinar. Teriamos unha grandísima artista multidisciplinar.

 

Supermarket de Esther F. Carrodeguas
Dirección: Xavier CastiñeiraDramaturxia: Esther F. Carrodeguas
Elenco: Esther F. Carrodeguas

Zona C, Santiago de Compostela. 19 de febreiro de 2015

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ego

ensalle calles |

Las calles corrían por las calles