in

Exposición danzada

captura de pantalla 2015 03 13 a las 17 26 23 |

Danza aplicada

| Camilo Franco |

Captura de pantalla 2015-03-13 a las 17.26.23

Entre comicios, promesas de comicios, xustificación dos comicios, das promesas dos comicios, dos movementos para presentarse ou non aos comicios, de todo o que foi e será dito antes e despois dos comicios, andamos un pouco sobrados de palabrería retórica e un pouco escasos de explicacións. Das de verdade, das que explican algo. Tamén andamos algo curtos de acción, pero isto igual é culpa da lei do mínimo esforzo que é unha das grandes leis da natureza. Que sobran frases e sobran argumentos.

A relación entre a danza e a pintura ten un algo de retórica. Todo o mundo cre que si, que existe, incluso que é lóxica, pero a práctica non é tan abondosa como a teoría. A práctica neste caso nace de Laxeiro e das salas da súa fundación en Vigo. A práctica é un diálogo, unha microdanza que ten como fondo unha peza do artista. Entre a paisaxe e o diálogo hai unha distancia e esa distancia é a que percorre o abano das pezas. Para estos casos, para esta idea de facer unha peza que só ten sentido nun lugar, nun momento, a idea debería pesar máis que a execución, de xeito que aparece un Laxeiro interpretado entre a potencia de ser entendido como un clásico e un carácter irónico que retrata algo máis o carácter dunha pintura que non quixo estarse quieta. Tamén reaparece a vella ligazón de Laxeiro como artista “popular”, ou ligado ao mundo popular que non é tan certa mirando os seus cadros. Pero das interpretacións pódese deducir ese cambio de interpretación, a percepción de que hai algo inquedante baixo algunhas desas estampas de Laxeiro, algo como un retrato que desafía ao espectador e que, como pouco, non lle permite a amabilidade do confort.

Pero tamén está na proposta unha posibilidade de aplicar a danza a outras cousas. Non nun sentido subordinado, senón como a posibilidade de que a danza ofreza explicacións, as súas, sobre calquera outra cousa. Ao cabo, e non precisamente no fondo, ese é un dos cometidos da artes: dar explicacións. As particulares, as enterradas. Porque igual é difícil con todas as palabras explicar un retrato feito por Laxeiro. Como é difícil explicar porque nos deixamos facer como nos deixamos. Pode resultar difícil atravesar todo o proceso de convertelo todo en palabras e logo volver convertelo en ideas. Pero a danza, se quere, pode aforrar ese proceso.

 


Publicidade

Exposición Danzada

Coreógrafas e danzantes: Ánxela Blanco, Olga Cameselle, Merce de Rande, Ana F. Gouveia, Ana Beatriz Pérez Enríquez, Kirenia Celia Martínez Acosa.

Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo. Fundación Laxeiro. Vigo. 11 de marzo de 2015.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

paus e petalas |

Paus e pétalas

cdg xardin suspenso 13 |

Xardín suspenso