in

Pangeia

pangeia |

O país dos pais

| Roi Vidal Ponte |

Pangeia

 

O achegamento de Galiza á lusofonía permite encontros non por pouco realizados menos excitantes. Se hai millóns de anos a terra era un só continente que se foi separando en seis anacos, é de supoñer que este punto do noroeste ibérico puido estar en contacto co que hoxe é o litoral atlántico sudamericano, onde Brasil ocupa unha grande, xigantesca parte.

De Brasil coñecemos a súa música e os seus futbolistas e algunha que outra garota famosa pola beleza dun corpo cumprido. Para derrocar os tópicos cos que construímos esta mirada, Pangeia propón unha serie de imaxes rápidas e inconclusas que ofrecen unha outra maneira de nos achegarmos ao noso meirande irmán lingüístico e cultural. Así, a sedución das meninas é explicitada nunha escena que nos lembra aos tres amigos de Disney flipando con Carmen Miranda, e a españolidade da madre patria é comparada por medio dunha sorprendente farsa sobre os rodeios brasileiros coa súa correspondente chulería machista interpretada por unha muller de acento pailán.

Publicidade

Nunha viaxe de ida e volta, os catro actores galegos intercambian acción, canción e baile coas tres actrices brasileiras. Eles falan e elas danzan. Eles narran e elas exhiben. Os sete o fan todo desde a nudez física e interpretativa, até unha relación que ten o seu momento máis brillante e melancólico nunha conversa telefónica transatlántica que nos deixa co saudoso sabor de boca da dozura da lingua portuguesa ecoando no fondo do teatro.

O espectáculo navega sobre unha marea de sons e músicas que compoñen unha banda sonora experimental, realizada en directo mediante gravacións de auga axitada, mantras, melodías, e percusión corporal. Musical contemporáneo onde os haxa, non se entrega a unha mensaxe didáctica facilmente reducible a unha frase, senón que prefire a estética fragmentaria dun exhibicionismo escénico escuro e celebraticio a un tempo.

Xunto co espazo sonoro, a iluminación colle grande parte do protagonismo. Detrás da parodia crítica e hilarante coa que os actuantes van confeccionando momentos e fotografías, o evento desvela a importancia da súa propia pel como verdadeira descuberta. Os focos manexados en escena, a mesa de control técnico situada no escenario, a entrada do público polas entrañas da caixa escénica: todo contribúe a que non esquezamos que o como é tan importante coma o que, que o medio é a mensaxe. Intención que se fai acompañar cunha factura exterior impecable, unha forza visual calmada e estimulante, a xogar cos contrastes das cores verticais, os bailes dolorosos dos corpos en reconstrución e a demostración de habilidades case circenses por parte do elenco. Todo vernizado cun estilo urbanita e posmoderno, fragmentario e provocador, que (non tan) paradoxalmente se entrega a unha visión -(neo)antropolóxica, desenfadada e anticientífica- de dúas realidades separadas e unidas por un mesmo mar.

Porque seguramente, e contradicindo á Elis Regina, os nosos ídolos xa non sexan os mesmos que os dos nosos pais.

 

 

Pangeia de Limiar Teatro e Acaso Dança
Dirección e dramaturxia: Fran Núñez, Barbara Aguiar
Elenco: Barbara Aguiar, Coco Castro, Ana Catarina Maia, Fran Núñez, Karol Nurza, Manuel Polo, Hugo Rodríguez
Dirección musical e xestual, axudante dirección e composición musical: Jose Carlos Illanes
Dirección vocal: Nuria Gullón
Asistente coreografía: Fernando Oliveira
Ambiente sonoro: Coco Castro
Espazo e iluminación: Coco Castro e Fran Núñez
Produción: Limiar Teatro (Galicia) e Acaso dança (Brasil), en coprodución co Centro Dramático Galego, a Asociación de produtores do Pernambuco APACEPE, o Festival Janeiro de Grandes Espectáculos de Recife e o Teatro da Malaposta de Lisboa.

Salón Teatro, Santiago de Compostela. 17 de abril de 2015.

 

Publicidade

 

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

One Comment

Leave a Reply

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

o mandarim |

O mandarím

ganas ouvear 04 |

Ganas de ouvear