in

O quadro de uma família

quadrodeumafamilia |

Retrato da xente de orde

| Manuel Xestoso |

quadrodeumafamilia

 

Detrás de toda imaxe existe unha historia que non sempre se corresponde coas aparencias. Detrás de toda familia existe unha complexa trama de relacións de poder que revela as imperfeccións do ser humano. Detrás de toda foto de familia ocúltase unha sórdida metáfora de todas as miserias que a cultura debe reprimir para que a convivencia sexa posible. Por aí asoman as preguntas: Que validez ten un entendemento baseado na coacción dos instintos máis enraizados? Ata cando pode durar o finximento? Que ocorrerá cando a contención supere eses freos?

A compañía brasileira Pigamlião escultura que mexe logra resumir todos eses interrogantes en quince minutos de espectáculo que son, en realidade, un pavoroso e impúdico diario de avisos. A semellanza dos clásicos contos infantís, O quadro de uma família cumpre a función de instruír sobre as ameazas do mundo e as continxencias da existencia. Mais a perspectiva quere ser tráxica, no sentido máis clásico do termo: hai un itinerario que parte do descoñecemento e chega ao recoñecemento. Non se ofrecen solucións, pero suxírense camiños.

Unha familia de porcos humanizados –ou de humanos animalizados– posa para un retrato. Resulta evidente que estes porcos son xente de orde. Mais as pequenas pugnas que se dan entre os seus membros dan paso a unha fantasía na que os antagonismos se emancipan de toda suxeición e dan paso á liberación das pulsións máis primitivas. Iso é todo – e créanme, non é pouco– o que vemos no escenario.

Non obstante, a sinxeleza do argumento non se corresponde coa complexidade do narrado, xa que o retratado non é un grupo familiar, senón unha concepción da sociedade que esixe que se exerza algún tipo de forza sobre o individuo para propiciar a orde. Unha concepción que dá por sentado o conflito entre o suxeito e o grupo e que, xa que logo, aboca ao fracaso a posibilidade do entendemento sincero e garante a aparición, máis ou menos sublimada, da violencia.

Ao fondo, claro, permanece Freud. Mais resulta inevitable pensar en teóricos como Marcuse, que se opón a idea de que a civilización ten que basearse na permanente opresión dos instintos e que desenvolve a posibilidade dunha comunidade na que coincidan os intereses dos pais e dos fillos, dos represores e dos reprimidos. A porta queda aberta para que o espectador contemple a oportunidade dun proxecto político no que non se precise matar ao pai para alcanzar a felicidade.


Publicidade

A enorme potencia deste espectáculo reside en como todos esas ideas se traducen nunha estética opresiva e, ao tempo, enormemente evocadora. A extraordinaria forza da imaxe dos humanos animalizados é unha baza esencial. Pero todos os elementos –a iluminación de corte expresionista, a inquietante ambientación sonora, a combinación de actores e bonecos…– contribúen a fixar no espectador un sinistro sentimento de coexistencia do cotián e o extraordinario que resulta tan ameazante como familiar. É difícil pensar nun espectáculo que estea tan cerca do xénero do terror sen saír dos códigos do realismo.

E non hai máis que botar un ollo á realidade que nos rodea para nos decatar da oportunidade das súas advertencias.

 

O quadro de uma família de Pigmalião escultura que mexe
Dirección: Eduardo Felix e Igor Godinho
Dramaturxia e ambientación sonora: Eduardo Felix
Elenco: Aurora Majnoni, Cora Rufino, Eduardo Felix, Mariliz Schrickte e Mauro de Carvalho.
Iluminación: Felipe Cosse e Igor Godinho
Construción: Cora Rufino, Diogo Netto, Eduardo Felix, Igor Godinho, Leonardo Martins, Mauro de Carvalho, Michelle Campos, Camila Polatscheck e Hugo Honorato.
Vestiario: Maria do Céu Viana
Costureira: Maria Guiomar

Festival Internacional de Títeres de Redondela. Auditorio da Xunqueira. 29 de maio de 2015.

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

dori relojero |

Adiós Bienvenida

saxtenor3 |

Un solo de Charlie Parker (e isto non é unha crítica dunha obra de teatro), por Roi Vidal Ponte