Un solo de Charlie Parker (e isto non é unha crítica dunha obra de teatro), por Roi Vidal Ponte

| Roi Vidal Ponte |

Un solo de saxo pode ser estimulante como a amañecida dun paxariño, pero de cotío adoita ser bastante triste. O mesmo acontece con todo o que arrodea ao teatro galego. As boas novas abrollan mes a mes en forma de inventiva, premios nacionais e estreas históricas, pero a xente do mundiño prefire chorar ás vacas fracas no canto de celebrar conquistas colectivas.

A irrupción escintilante de toda unha xeración de intérpretes e creadoras, confirmada na última edición dos María Casares, é vista de esguello como unha ameaza olívica cando debería servir para recibir con alivio a continuidade dunha profesión que esmorecía. O primeiro recoñecemento oficial e estatal a unha compañía tan mítica e combativa como Chévere pode non ser suficiente para tecer unha bandeira fachendosa, pero confirma que algunha cousa, polo menos algunha, tivo que haber que non tivésemos feito tan mal. A primeira vez que un autor de noso é representado por un teatro nacional é un fito ao que os libros que se han escribir xa lle teñen reservado un espazo, pero pasará como unha anécdota de tantas se atendemos á atención que os medios lle non brindaron.

Estamos tan acostumadas ao vitimismo que só pactamos con nós mesmas. Saír da casa e ateigar a praza e os escenarios todas xuntas só é posible se hai que ocupar unha cidade da cultura para cobrar as débedas. Pero cando hai que saír e dicir que estas vitorias tamén son nosas costa deixar a un lado as envexas e as xenreiras, reprimir esa egolatría adolescente que adoece de dor, como se o teatro fose tan importante como a política e cada un tivese que mirar pola conservación en formol da súa propia marca.

A presenza en Compostela de Sax Tenor, o texto de Roberto Vidal Bolaño na súa versión lusa encarreirada con esforzo por José Martíns e o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, pasou tan desapercibida como as primeiras impros de Charlie Parker. Deberiamos aplaudir e agradecer que no estranxeiro teñan presente que hai un teatro que desde a nosa lingua se proxecta cara ao universo mundo. Toda nova versión dun texto bolañés debería, como o de calquera outro clásico, sufrir (ou gozar) a reinterpretación e actualización pertinentes, non porque os seus argumentos estean caducos, nin moito menos (pois foron tan proféticos no seu día que hoxe son máis actuais que o que agora andamos escribindo), senón por lles termos un respecto (irrespectuoso) e entendelos non como algo que pasou dunha determinada maneira senón como un material co potencial suficiente como para seguir a crear a nova novidade.

Cando no ano 2002 Manuel Guede lle ofreceu a Vidal Bolaño volver a dirixir o seu primeiro espectáculo (Laudamuco, señor de ningures, Teatro Antroido, 1978) para celebrar o vixesimoquinto aniversario do nacemento do teatro profesional galego, podo asegurar que a convicción de meu pai era que non tiña sentido facelo da mesma forma en que xa fora feito vintecinco anos atrás. Antonio Simón propuxo unha versión limpa e rockeira que en xeral foi recibida como unha traizón á estética po(b/d)re e marrón da versión do 78, pero a que a min (tamén por razón emocionais) me puxo os pelos de punta.

O tópico “Roberto non o tería feito así” é tan ridículo e absurdo como o nunca pronunciado “Shakespeare non o tería feito así”. A fidelidade a ese argumento impide a evolución das formas teatrais. E non se trata de apostar por pallas mentais gratuítas, senón de arriscar na construción dun discurso estético propio partindo de textos alleos. Por iso mesmo, agradecín a versión de Animaliños que no 2013 fixo a aula de Teatro do Campus de Lugo a cargo de Paloma Lugilde ou a Bailadela da morte ditosa que montou Etelvino Vázquez para Teatro de Ningures no 2008.

Como todo grande artista, José Martíns quixo ver a Bolaño con ollos propios: ergueu unha versión esperpéntica, unha baixada aos infernos que converte aos tipos entrañables do barrio bolañés en entrañables criaturiñas do averno. Unha visión propia que consolida a valía dos textos de Vidal Bolaño para ser reinterpretados baixo novas e audaces miradas, que consolida ao de Vista Alegre como un autor galego e universal, contemporáneo e clásico, cun mundo propio que pode rimar cos alleos, co potencial escénico que lle permita ser levado ás táboas durante mil primaveras máis.

Sax tenor de Roberto Vidal Bolaño
Dirección: José Martins
Elenco: João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe
Escenografía e vestiario: Rui Francisco
Deseño de iluminación: José Carlos Nascimento
Realización vídeo: Ricardo Inácio, Manuel Pureza, João Gomes e José Martins
Produción: Teatro Nacional Dona Maria II

Salón Teatro, Santiago de Compostela, 29 de maio de 2015

Deixar unha resposta