in

Croquetas

dsc06128 |

Muller e familia

| Camilo Franco |

DSC06128

 

Neste momento non lembro quen era, pero cádralle bastante ben a Chejov, que as familias felices eran todas iguais pero as outras sufrían cada unha ao seu xeito. Eu sobre familias felices non teño experiencia, así que sempre supoño que todas son distintas, moi distintas. Este é un lugar, pero moito menos do que outro que anda extendido pola sociedade dese finais dos setenta: ese que di que no pasado todo era diferente (tirando a peor) e que agora as cousas son doutro xeito, máis amables, máis levadeiras. É un lugar común que parece que nin a crise puido borrar de todo. Pero Iria Pinheiro veu agora a ofrecernos unha experiencia inmersiva (que dirían os vendedores de televisores de plasma) nun ambiente familiar que se corresponde con esa época na que un rei anterior falaba de principios fundamentais e de esencias indisolubles. Fóra dos matices, dos decorados, dos obxectos, a vida non cambia tanto. Somos máis ou menos os mesmos facendo cousas similares: inventándonos, disimulando, tentando sobrevivir e, sobre todo, enganando á familia.

Desde a porta ás croquetas todo é noiteboa nese piso con fotos de Adolfo Suárez, televisores Elbe en branco e negro, un salón con butacas que agora son vintage, os visillos e todos eses accesorios dos que todos, algunha vez na vida, tentamos fuxir aínda que fose para estudar en Santiago.  Despois dos saúdos comeza esa parte da ficción na que a protagonista explica as marabillas limitadas da súa vida emigrada. E tamén aí comeza o enredo, con certo aire melodramático, sobre as auténticas intencións da protagonista. Desde aí a obra depende en parte das reaccións da familia. Vai contando a historia, establecendo o ambiente e deixando un corredor moi amplo para que os espectadores cambien o seu rol habitual por outro máis participativo. Aínda que a historia teña o mesmo final por causas familiares, o xeito en que se desenvolve é o que os espectadores poden cambiar.

A historia apóiase en grande parte nesa especie de exotismo que ten o pasado recente. Por esa parte, a intención é marcar ben as diferencias co presente, deixar claro eses outros tempos nos que había (creo) pantalóns de campá ou melenas despeiteadas. Esa época na que se podía fumar en todas partes e os teléfonos estaba amarrados a un cable. Pero na intención última Croquetas quere lembrar que non hai tanta distancia. Que ao final estamos sometidos ás mesmas cousas que en 1976 e que os males de entón e de agora son os mesmos. Se cambiamos o decorado, se cambiamos a ambientación, alguén poderá sentirse na mesma circunstancia da protagonista. E haberá matices e parecerá que o que está a man é menos interesante que o pasado. Pero emigrando seguimos. Da obra tamén se deduce con decisión que cando o público participa todo sae mellor.

 


Publicidade

Croquetas, de Iria Pinheiro
Guión e interpretación: Iria Pinheiro.
Axudante de dirección: Viky Pérez
Afiches: Pilar Alonso
Fotografía: Laura Calleja
Produción e dirección de arte: Germán Pintos.
Atrezzo: El halcón milenario.

Sala El halcón milenario, Vigo. 30 de maio de 2015.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

latemperatura |

La temperatura. El temperamento

talecomovincc83emos |

Tal e como viñemos