in

Ultranoite no país dos soviets

img 7399 |

You say you want a revolution

Camilo Franco

 
Agora mesmo soviet é un concepto difuso. Temos a cabeciña configurada entre a didáctica política dos setenta, a lírica escapista dos oitenta, a alegría química dos noventa e o paso brutal das promesas dunha segunda vivenda á represión policial para abandonar a primeira. En todos eses anos soviet foi un concepto distante que metía máis medo nos propios que nos alleos e que, aínda así, axudou algo a que Occidente estivese máis atento ás clases populares. Visto con perspectiva simple: foron (coma sempre) os alemáns quen sacaron máis partido da existencia dos soviets. Moito máis que os soviéticos mesmos. Desaparecidos eles, adeus á socialdemocracia como mal menor. E agora estamos aquí, sabéndonos superados, gastando unha parte considerable das enerxías en saber cal é o noso bando mentres os outros, ese dinousaurio que segue aquí, sabe perfectamente que só hai un posible. Que as cousas estean máis claras nos escenarios que nos escanos só reafirma canto hai por cambiar.

Chévere leva uns anos facendo política ao seu xeito. Intercambiando derrotas xerais por golpes de humor, levando algúns paus que eran colectivos e algúns premios que eran só deles. Trasladándose ao extrarradio e ampliando o campo de operacións do seu traballo a un espazo no que o escenario non está sempre tres chanzos por riba do chan.  As Ultranoites levan uns anos organizando a resistencia, dándolle humor. Cunha práctica de fronte ampla na que cabe todo e que se ocupa máis do fondo que das formas. Un humor de banda ancha para unha realidade desorbitada. O delirante das ultranoites non é tanto o sentido do humor como a realidade da que se alimenta. O delirante, con ou sen soviets, sempre é a realidade.

A Ultranoite é un xénero que se respecta a si mesmo e as novidades desta última non estaban tanto no escenario como no patio de butacas. Non só por encher o Auditorio de Galicia, que sería noticia por si mesmo, senón por esa idea entusiasta do público a favor pase o que pase no escenario. As ultranoites sempre contaron con ese público. Esta vez había máis e estaba máis entregado. Era o día, era a romaría. Fóra de butacas, os clásicos do xénero con moita máis política. Con moita máis alusións, con moita máis complicidade e con moitísimo máis coro. Todo está no seu sitio: a duración foi longa, o descanso foi como para fumar e Os da ría estrearon xite. O apóstol falou en castelán. a familia real cantou e Naranjito faloulle a Noriega á cara. Podiamos dicir que hai unha guerra, pero nesta fronte non hai novidades. O humor gamberro conserva a mesma punta de lanza e o caberé reinventado por Chévere non da sinais de fatiga. O mundo si, pero esa é outra historia.

Nas ultranoites está todo no seu lugar. Ata o punto de que non importou tanto se era na Quintana, no Auditorio de Galicia ou na Ramallosa. O humor dá para case todo. Alguén di que para gobernar non dá. Pero o malo para gobernar non é o humor, é a inxenuidade.  A rebeldía tamén ven sendo a mesma. Non cambian as ultranoites, cambia un pouco o mundo. Antes era como se as ultranoites estivesen contra os alcaldes, agora os alcaldes son extras nas ultranoites. E non, non era necesario que os tres alcaldes pasaran por alí. Sabemos que Feijoo non o faría. Pero Feijoo non é alcalde.

Os tempos cambian e as ultranoites permanecen. Os tempos nunca cambian suficientemente rápido. Porque postos a facerlle caso ás ultranoites xa podíamos terllo feito hai anos. Pero os galegos somos xente con moita calma, de santa paciencia ou de moita resistencia. Pero estabamos advertidos dunha ultranoite: o que queira coller peixe que se molle o ku kux klan. You say you want a revolution. Well, you know…
 
Ultranoite no país dos soviets de Chévere.

Elenco: Patricia de Lorenzo, Xron, Miguel de Lira, Manuel Cortés, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Iván Marcos, Xacobe Martínez Antelo, Manuel Cebrián, Max Gómez, Serxio Zearreta, Carlos Santiago, Antón Coucheiro e Os da Ría

Festival Feito a Man. Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 26 de agosto de 2015.


Publicidade

 

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bivalvos como galegos |

Bivalvos como galegos

acanoa03 |

A Canoa