Kairos, sísifos y zombis

A utilidade do teatro

Manuel Xestoso

Resulta pouco probable que atopemos un zombi segundo os canons da cinematografía popular: un corpo acabado de exhumar, vestido con galdrapos, que deambula buscando alguén a quen morder. Pero vaiamos aos grandes almacéns e observemos as multitudes desorientadas, errando entre os expositores na procura de algo que consumir: velaí os zombis de hoxe. Algún feiticeiro someteu as súas vontades mediante apócemas máxicas –hipotecas, publicidade, precariedade laboral– e agora traballan sen descanso en favor deses bruxos que se materializan na figura de conselleiros delegados, contables e presidentes de deputacións, entre outras sobrenaturais aparicións.

Esta é a premisa da que parte Kairos, sísifos e zombis. A proposta é sensata: xa que somos zombis inconscientes, transformémonos en zombis conscientes e comportémonos coma tales, enchendo a realidade de furados que a transformen. O que é máis singular é o método recomendado: unha reflexión sobre a realidade que reúne a mística oriental, a física cuántica e a filosofía grega antiga. O programa, sen deixar de ser político, quere dar un paso máis alá e erixirse nun proxecto que contribúa a dar sentido á existencia.

Pode soar pretensioso, pero a obra camiña por vías moi afastadas da petulancia. Ao contrario, preséntase como un espectáculo de variedades, con números ben definidos e con entidade propia que xiran arredor do tema central, iluminando distintos aspectos da cuestión. O humor vehicula a función dende diferentes rexistros –irónico, bufo, absurdo– ateigando a escena de ideas, de sorpresas, de estrañezas.

Os actores sitúanse a medio camiño entre o inxenuo e o cáustico, como ocultando a súa verdadeira posición, para acrecentar así a inseguridade do público, que non sabe moi ben, durante gran parte da representación, onde colocarse, dende que lugar recibir o que está ocorrendo en escena. Isto é levado a un nivel máis que metafórico: durante uns minutos, mesmo se obriga ao respectable a abandonar a sala e “reflexionar poeticamente” sobre a súa situación.

As coordenadas procúranse na linguaxe esotérica do I Ching, no discurso político directo, ou nun hilarante ritual de gratitude no que quedan ao descuberto as relacións de produción no sector da cultura, comparando as cifras que manexan os administradores co montante que chega aos traballadores. Todo acompañado dunha dose de actos inxenuamente provocadores que quizais teñan máis sentido nun gran teatro ao que acode esa burguesía sempre desexosa de cultura que nun festival no que o público tende a estar da parte dos comediantes sediciosos. Pero nunca se sabe: algún sinal de incomodidade se deixou ouvir.

L’Alakrán non se preocupa demasiado da caligrafía: nalgunhas liñas, o trazo e demasiado groso e, noutras, sutil e delicado. No seu desenvolvemento, a obra divirte, aburre, entusiasma, decepciona, suxire e desilusiona a partes iguais. Iso non é importante. O que ten relevancia é a experiencia colectiva, o espírito co que o espectador debe enfrontarse a esa vivencia: como se se quixese amosar didacticamente –ao xeito das representacións medievais– unha estratexia de resposta ante esoutras tesituras da vida que non teñen lugar nun escenario. Que é, precisamente, o que se pretendía dende o inicio. E que, en realidade, mostra cal é a utilidade do teatro.

Kairos, sísifos e zombis de Perú C. Sabán e Óskar Gómez Mata
Compañía: L’Alakrán (Suíza)
Dirección: Óskar Gómez Mata
Elenco: María Danalet, Óskar Gómez Mata, Michèle Gurtner, Esperanza López, Olga Onrubia e Valerio Scamuffa
Axudante de dirección: Delphine Rosay
Escenografía: Claire Peverelli
Iluminación: Michel Faure
Vestiario: Isa Boucharlat
Son: Serge Amacker
Dispositivo escénico, vídeos e fotografías: Chine Curchod, Régis Goaly e Óskar Gómez Mata
Produción: Bárbara Giongo

Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Municipal, 11 de outubro de 2015.

Deixar unha resposta