in

A forma das cousas

formacousas10 |

Cuestión de perspectiva

| Roi Vidal Ponte |

 

formacousas10

 

É como se tivese que haber sempre unha relación intrínseca entre todo o que é americano e todo o que aparenta ser televisivo. A sombra de Hollywood é tan longa que ensombrece outras maneiras de facer, de ver, de contar. Neil LaBute é un dos dramaturgos norteamericanos mellor valorados internacionalmente. Lémbranos que aínda podendo non ser tan dramático como o de O`Neill, tan psicolóxico como o de Williams, tan político como o de Miller nin tan enfermizo como o de Albee, o realismo dramático norteamericano sempre estará aí.

Publicidade

A idea escénica de Carlos Álvarez-Ossorio para a súa dirección desta primeira produción da compañía La Yogurtera engádelle a este realismo norteamericano un toque de teatralidade contemporánea de colleita propia. Renunciando a preservar o misterio do subtexto na mente das espectadoras, Ossorio mostra o que se supón que deberiamos supoñer para que non dubidemos da súa certeza. No xogo de coqueteos coa infidelidade e a mentira, entre os variados (e cómicos) intercambios de parella que presenta o texto orixinal, Ossorio insire unha cámara e unha proxección en directo que, engadidas á presenza constante nun segundo plano dos personaxes que non actúan a complementaren a acción principal, dan boa conta do conflito entre a transparencia e a manipulación da información que o espectáculo parece querer propoñer.

A dimensión política do drama só se deixa entrever contra o final, pero o punto de xiro é tan impactante que obriga a facer unha relectura de todo o visto até alí. Cobra forza nese momento a presenza dunha case estereotípica femme fatale, antagonista perfecta dunha historia de aprendizaxe forzada. A beleza inocente dun rostro tan televisivo como o de Sara Casasnovas enriquece a súa personaxe co equilibrio adecuado para a súa extrema maldade, para o seu atolado egoísmo, para a súa soberbia irritable. Mais cómpre recoñecer que é na interpretación da actriz onde a peza renxe, seguramente debido máis a unha non de todo correcta escolla de casting que á actuación do elenco, pois mentres que Borja Fernández afronta un dos seus papeis máis esixentes solventándoo de maneira máis que correcta cunha clara inspiración no Woody Allen máis inseguro e cómico, Casasnovas non acaba de atopar o equilibrio entre a interpretación realista e a expresionista, e déixase levar por unha dicción máis propia da dobraxe ou outros estilos interpretativos. A súa actuación contrasta tamén coa da parella de secundarios, onde Machi Salgado e Vicki Pérez fan gala a partes iguais dunha frescura tenra e crible.

A denuncia que o texto cuspe sobre os límites da arte e do uso desta na sociedade do individualismo capitalista, está moi ben subliñada polo xogo de luces deseñado polo propio Ossorio, que consegue, sen que case nos deamos de conta, meternos en ambientes nos que todo se enche de fortes cores (verde, vermello, azul) como querendo expresar de maneira visual a importancia da aparencia externa para entendermos a esencia das cousas. A audacia está en que partindo dunha estética tan naturalista (con réplicas entrecortadas e mesmo intervencións que case non se escoitan polo seu baixo volume intencionado) a iluminación teatral non acabe sacando a espectadora da verdade escénica.

Mais sen dúbida o elemento máis salientable, significativo e memorable de toda a proposta é a presenza constante dunha cámara de vídeo e da súa correspondente proxección en vivo ao fondo do escenario, xogo entre o teatro e o cinema en directo que permite unha moi interesante mistura entre a visión teatral tradicional e os diferentes encadres cinematográficos que, con abundancia de primeiros planos, lle engaden á acción dramática unha compoñente de intimidade ou mesmo de espionaxe que vén sendo moi coherente coa mensaxe final que tanto o texto como o espectáculo pretenden comunicar: a mentira do teatro sempre estará aí.

 

A forma das cousas de Neil LaBute
Dirección e dramaturxia: Carlos Álvarez-Ossorio
Elenco: Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez, Machi Salgado.
Escenografía: Suso Montero
Música orixinal; Pablo Seoane
Iluminación: Octavio Mas
Produción executiva: Marta Horjales
Produción: La Yogurtera, S.L.

 

 

 

Publicidade

 

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

foto familia |

XX Premios María Casares: Tod@s @s premiad@s

illaollo |

Illa / Ollo