Voaxa e carmín

Locais e universais

| Roi Vidal Ponte |

Case unha atracción turística de seu e unha das iconas máis recoñecibles de Compostela, a estatua das Marías da Alameda de Santiago agocha unha historia máis dramática que, poñamos por caso, a da de Pessoa no Chiado. Case tan míticas como Cibeles e Neptuno, as Maruxa e Coralia do escultor César Lombera homenaxean as cores dun tempo gris e, ao ficaren aí a pesar dos estragos da desmemoria local, loitan por facer medrar a curiosidade de quen as visita.

Son poucas as mulleres e homes nacidas na capital antes da democracia que non recibisen, respectivamente, os seus insultos ou as súas chiscadelas. Para a maioría foron dúas excéntricas; como moito, hai quen se fai eco do poder simbólico que a súa presenza tiña no mediodía franquista. Como deixou dito Vidal Bolaño na edición impresa que acompañou a inauguración da estatua nos noventa, as Dúas en Punto “miraban a vida cun ollo chiscado e rían dun mundo que a forza de se enganar a si mesmo chegou a crer que era el quen ría delas”. Elas souberon aceptar ese engano e xogar con el. Convertéronse nun disfrace público para ocultaren unha vergonza privada, unha traxedia colectiva e unha memoria histórica.

Con Voaxa e carmín a dramaturga Esther F. Carrodeguas vén a lle dar forma, curiosamente, ao que fora un dos proxectos que o propio Vidal Bolaño non tivo tempo de levar a cabo: o de facer unha obra de teatro sobre o drama vital oculto tras o disfrace das irmás Fandiño Ricart. No canto de polo realismo, Carrodeguas aposta por unha linguaxe poética, de trabalinguas dadaísta, que aproxima a súa creación á poética d’A espera de Godot de Beckett ao debuxar a colorida parella nun paseo compostelán que de tan centrífugo acaba por escachar a lóxica con semellante intención traxicómica.

A calidade do texto recibe o aloumiño dunha dirección atinada. Xavier Castiñeiras artella un dispositivo escénico que, ancorado na forza comunicativa das proxeccións, demostra que a imbricación verdadeira entre a linguaxe audiovisual e a teatral é non só posible, senón tamén máis efectiva, rica e fermosa que o mero solapamento de fragmentos escénicos con fragmentos filmados, ao facer pasear á parella polas rúas dunha Compostela fantasmagórica con xogos escénico-filmicos que acentúan o carácter lúdico da peza.

A pesar do peso dos efectos especiais, o director consegue que Voaxa e Carmín continúe a ser unha obra de actrices. Mabel Rivera e Belén Constenla realizan un esforzo notable por se apropiaren dun texto difícil. Compoñen as personaxes desde unha interpretación tan farsesca que por momentos lles fai pareceren debuxos animados. Ao deformaren a voz e o corpo para agasallarnos cun traballo vocal e xestual alucinante están a lle dar vida á famosa estatua nunha actuación que as leva desde a caricatura cómica ao expresionismo de denuncia social, demostrando que a veteranía é un regalo que ninguén debería desaproveitar.

A Maruxa estresada, lercha e sobreprotectora de Constenla, que durante grande parte do espectáculo leva o peso da función en coherencia co papel dominante da súa personaxe, sérvelle de trampolín a unha Mabel Rivera que brilla tanto nas réplicas minimalistas da súa Coralia idealista, inocente e aloulada como no potente monólogo redentor final, xa cando a farsa deveu en traxedia e a función se eleva á categoría de teatro de calidade internacional.

Porque, por máis que a autora defenda o seu traballo como unha visión subxectiva moi afastada do teatro histórico, o certo é que Voaxa e Carmín si pode recibir ese cualificativo, xa que presenta unha maneira artística, creativa e non documental de abordar o drama da nosa memoria histórica: o drama, silenciado durante décadas, de todo o peso da represión posbélica franquista envorcada sobre a vida feble de dúas mulleres inocentes. Se a información está dosificada e desordenada é para, precisamente, facer levedar o interese pola historia real e evitar que o fornecemento de todos os datos provoque unha satisfacción que a volva condenar ao esquecemento.

Texto, dirección e actrices sustentan, ademais, unha produción que, en definitiva, por contido e resultado, pode facer historia no teatro galego: un auténtico monumento teatral.

Voaxa e carmín de Esther Carrodeguas
Dirección: Xavier Castiñeira
Elenco: Mabel Rivera e Belén Constenla
Escenografía: Kukas
Audiovisuais: Roi Fenández (Sr. Pause)
Iluminación: Javier Quintana
Maquillaxe: Trini F. Silva
Vestiario: Mari Seoane

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Auditorio do Castelo, 19 de xullo de 2016. 

Deixar unha resposta