in

Conceal / Reveal

concealreveal |

A capacidade de ser

| Manuel Xestoso |

 
Paul Valery falaba da “impresión marabillosa” que lle producía a danza: “no universo da danza non ten lugar o repouso; a inmobilidade é algo obrigado e forzado, un estado pasaxeiro e case unha violencia”. Ese estado que nos coloca fóra de nós e no que o inestable nos sostén, continuaba, permítenos concibir unha existencia composta dos valores límite das nosas facultades.

As coreografías de Russell Maliphant para o espectáculo que abriu o GUIdance 2017 semellan alicerzarse nesta reflexión do poeta. Proxectado como unha celebración dos vinte anos de colaboración entre o coreógrafo e o iluminador Michael Hulls, a velada inclúe tres pezas nas que a dialéctica entre o estatismo e o movemento se converten no motor dunha tensión que tende, precisamente, a recrear o impulso e a potencia dos corpos en situacións límite. Ou polo menos esa é a intención que se intúe tras unhas coreografías que non sempre acertan a redondear as súas propostas.

«both, and» é un solo no que a bailarina xoga coa súa sombra proxectada nunha pantalla colocada diante do escenario. É un truco fácil e usado, pero ao que se lle saca partido plástico grazas ao impacto estético mesturado con referencias orientalizantes que pretenden outorgarlle espiritualidade a unha proposta centrada no movemento dos brazos e o torso: non se consegue de todo, pero a brevidade da peza xoga a favor do efecto.

As outras dúas pezas son exemplos desa contención que amosa toda a enerxía retida nun corpo. En Two x three os tres bailaríns van construíndo a peza con lentitude mais cunha axitación crecente para, no canto de culminar no clímax previsible, refrear toda a puxanza para crear un sentimento de intensidade coutada. En Piece nº 43 –o prato forte do programa–, hai unha remisión a modelos escultóricos e a referentes da historia da arte que lle dan profundidade a un relato coreográfico que xoga con conceptos como a escala e o tempo: os bailaríns empregan os feixes de luz para agocharse ou amosarse entrando e saíndo deles, alíñanse en cadros pictóricos que lembran antigos retablos, constrúen e destrúen figuras a gran velocidade.

Un irónico achegamento ao enfrontamento entre sexos nun cadro en que os dous homes efectúan un enérxico dúo mentres as tres mulleres reviven o tópico das inspiradoras tres grazas e un poderoso solo a conta de Yu-Hsien Wu, que revela ata onde pode chegar esa vitalidade larvada na quietude, falan dun océano de paixóns sempre controlado por Maliphant, que non se permite ningunha concesión á emoción. A forma que se coloca ante os ollos do espectador é fundamentalmente abstracta –o diálogo entre a luz e os corpos– mais existe un discurso que conduce a visualizar as pulsións do corpo en repouso, a potencia no sentido aristotélico da palabra: a capacidade de ser.

Maliphant arrisca ao construír un programa un tanto heteroxéneo que non permite estimar na xusta medida os valores de cada peza. Pero Conceal / Reveal demostra que a súa é unha linguaxe cunha personalidade interesantisíma e atraente á que só lle falta distanciarse do paseo polo bordo do esteticismo.


Publicidade

 

Conceal / reveal de Russell Maliphant

«both, and»
Coreografía: Russell Maliphant
Interpretación: Dana Fouras
Deseño de luz: Michael Hulls
Música: Mukul
Vestiario: Stevie Stewart

Two x three
Coreografía: Russell Maliphant
Interpretación: Dana Fouras, Grace Jabbari, Yu-Hsien Wu
Deseño de luz: Michael Hulls
Música: Andy Cowton

Piece nº 43
Coreografía: Russell Maliphant
Interpretación: Solomon Allen, Dana Fouras, Grace Jabbari, Jordan Lennie, Yu-Hsien Wu
Deseño de luz: Michael Hulls
Música orixinal: Mukul
Outras músicas: Tidal / Atacama con música adicional de Beethoven, Sonata para piano nº 14 en do sostenido menor (piano, Jenö Jandó)
Vestiario: Stevie Stewart

Centro Cultural Vila Flor, Guimarães. 2 de febreiro de 2017. Estrea en Portugal.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

logoaaag cor |

Comunicado da AAAG

Tras Tannhäuser

Tras Tannhäuser