in

XVIII Festival Internacional de Títeres de Redondela

rolda |

O Festival Internacional de Títeres de Redondela celebra a 18º edición con 70 funcións a cargo de 26 compañías

 

rolda |

 

O Festival Internacional de Títeres de Redondela cumpre 18 edicións, e para conmemorar esta efeméride, o evento cultural máis importante da vila despregará máis de 70 funcións durante a semana do 15 ao 21 de maio a cargo de 26 compañías da máis variada procedencia.

Como principais novidades, este ano ampliaranse a 16 os espazos escénicos que albergarán funcións de títeres, sumando ás tradicionais prazas as rúas Casto Sampedro e Salgueiral, así como o Paseo do Río Maceiras e o Centro Recreativo Cultural. Para facilitar a orientación aos máis de 35.000 espectadores que cada ano visitan o Festival, poranse a disposición máis de 500 mapas de Redondela cos distintos espazos que dende o luns se poderán recoller no Multiusos da Xunqueira. Ademais dos novos recintos, durante a fin de semana a compañía catalana Sienta la Cabeza convertirá aos visitantes en protagonistas do seu performance show onde a complicidade do público transgride as regras estéticas establecidas. Unha festa para festexar os 18 anos do festival cuxos ingredientes principais serán o atrevemento, a loucura, a música… e a perruquería!

Máis de 70 representacións

O Festival comezará o luns coas funcións escolares en Chapela, que se prolongarán durante a semana no Multiusos da Xunqueira. Máis de 2.000 cativos e cativas achegaranse ao teatro de monicreques nas 8 funcións programadas a cargo de compañías de Brasil, Galicia e Arxentina.

O martes arrancará a programación de sala co espectáculo Circus Funestus da danesa Sofie Krog, unha proposta incluída no programa do ano pasado pero que, por un desgraciado accidente, tivo que ser substituída. Tanxarina e Tato Criaçao Cênica serán os protagonistas o Día das Letras Galegas, mentres que La Canela, de Andalucía, e os arxentinos de El Chonchón, representarán os seus espectáculos o xoves e venres, respectivamente. Xa na fin de semana, Títeres sin Cabeza de Aragón, Didi Rodan de Madrid e Huber Marionetas de EEUU completarán a programación no Multiúsos da Xunqueira, e o domingo tamén se realizará unha representación no Centro Recreativo Cultural cos galegos de Monifate Teatro.

Pero sen dúbida, o maior número de representacións daranse na programación de rúa. Máis de 50 sesións de teatro de títeres, música e espectáculos encherán as prazas e rúas da vila o mércores, Día das Letras Galegas, o sábado e o domingo. O programa de actividades compleméntase coa exposición “40 años de La Tartana”, unha mostra interactiva onde é o propio espectador o que articula o mecanismo para que funcionen os diversos autómatas que a conforman.


Publicidade

Na mañá do domingo, e debido ao grande éxito obtido nas anteriores edicións, desenvolverase a ruada participativa “Estás coma un cencerro” protagonizada pola compañía catalana Xip-Xap Teatre. Este ano, as ovellas serán os animais convidados, e o Paseo do Río Maceiras o percorrido. A rapazada e os pais e nais poderán vir disfrazados de ovellas para gozar desta actividade ao mesmo tempo que descubren un dos máis bonitos recunchos de Redondela.

O Festival en cifras

Dada a envergadura do evento, o Festival Internacional de Títeres de Redondela manexa un orzamento anual aproximado de 100.000€. O 47% destes ingresos provén do Concello de Redondela, que achega mediante o convenio anual a cantidade de 47.000€. Outras administracións (Ministerio de Cultura, Agadic, Deputación) achegan o 24% do orzamento total, que se complementa co 29% de recursos propios do Festival (billeteira, colaboracións e patrocinios comerciais, micromecenazgo e venda de merchandising).

En canto aos gastos, a principal partida, do 65%, vai destinada á contratación das compañías, as viaxes (moitas delas internacionais) e o seu aloxamento e manutención nos establecementos redondeláns. A publicidade e difusión ocupa o 15% do orzamento total e a cantidade restante, repártese entre alugueres de equipamentos técnicos, carpas, dereitos de autor, etc.

Todo o traballo de produción e organización, a cargo da Asociación Xente Titiriteira, faise sen ánimo de lucro, grazas á dedicación e vontade de ducias de voluntarios que, durante todo o ano, traballan para convertir Redondela no epicentro cultural da Península.

Rod Burnett na memoria

A organización do Festival quere transmitir o seu pesar polo falecemento do titiriteiro estadounidense Rod Burnett, artista que actuou en Redondela en dúas edicións. Debido á súa relevancia artística e ao seu traballo a prol da dignificación do títere tradicional, Rod estaba convidado a celebrar esta 18º edición do Festival (figuraba na primeira programación enviada aos medios), pero a súa morte, hai escasamente dúas semanas, truncou o noso desexo.

Máis información e programación completa:
www.festivaltiteresredondela.es
https://www.facebook.com/FestivalDeTiteresDeRedondela

[email protected] // [email protected]

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

latentepaulaquintana |

Latente

up2down1 |

Up2Down