in

Up2Down

up2down1 |

A maxia da forma

| Laura Porto |

 

up2down1 |

 

Arredor do día mundial da danza adoitan programarse nos circuítos convencionais espectáculos que a inclúen. Por sorte, porque podemos gozar deles, e por desgraza, porque non sempre é sinxelo atopalos programados noutras épocas nesta clase de espazos. Grazas a este fenómeno que, por suposto, acontece noutros xéneros, puidemos asistir no auditorio municipal de Vigo ao espectáculo Up2Down, da compañía TrasPediante.

A peza, baseada no xogo e alternancia de estatus entre dúas mulleres, defínese como danza circo e desconcerta que no inicio, nada máis abrir o pano, preséntase coma moito máis ca iso, cun momento dunha carga estética e mesmo poética que resulta cativadora. Unha liña de luz lixeiramente elevada do chan é percorrida polas plantas duns pés descalzos dun xeito sinxelo e delicado que nos leva a evocarnos a nós mesmas coma o suxeito que camiña sobre un fío de arame.


Publicidade

O fío de arame, o de verdade, que dará corpo á peza, aparece a continuación xunto coas intérpretes. Unha delas traballa en clave de clown, é a que ten o estatus baixo. Arriba temos á equilibrista, aérea e divina, que a clown admira e remeda, e cuxo estatus xoga a roubar. Durante o seu xogo de niveis aparecen por veces imaxes suxerentes: un verme, unha crisálida, unha bolboreta… E a interacción das actrices catapúltaas constantemente a personaxes de diferente índole: nai e filla, mestra e aprendiz ou diva e aspirante (coma una sorte de All about Eve para todos os públicos), todos personaxes complementarios e separados por un abismo de estatus. Preguntámonos neste punto se esta diversidade de papeis que se desprenden da actuación é algo intencionado ou pola contra se debe tal vez a unha pequena eiva, se se lle pode chamar eiva, que adoitan ter moitos espectáculos de novo circo nos que se ve a intención de atopar un fío condutor para os números sen que ese fío condutor chegue a quedar totalmente claro. De calquera xeito non é algo que neste caso resulte molesto, senón sinxelamente un xogo máis, diferentes estacións polas que pasar neste xogo de alturas.

O traballo amosa a complexidade da sinxeleza en moitos sentidos. Na cor, por exemplo, o uso é icónico e, como no resto de elementos, sinxelo mais efectivo. Basean a súa estética no branco e no negro, usando o vermello para os obxectos clave. Tamén na luz hai algúns tonos azuis, mais a paleta é reducida. Menos é máis. Esa é a lección que, guste ou non, ten que aprender quen se adique ás artes escénicas en Galiza. As compañías do noso sector carecen de recursos económicos para traballar con maior “grandeza” e neste panorama, para gañar, hai que ser quen de sacar o máximo dos recursos máis ínfimos, practicando o teatro pobre sen sabelo. Mais na pobreza hai resistencia e resiliencia, e neste espectáculo concreto podemos ver realmente o traballo do enxeño con pouco máis que o mínimo posible convertíndose nun altísimo castelo de naipes, extremadamente belo pola súa alta fraxilidade.

 

Up2Down de TrasPediante
Intérpretes: Marta Alonso e Paula Quintas
Creación colectiva dirixida por: Arturo Cobas
Asistencia de dirección e dramaturxia: Natalia Outeiro e Kirenia C. Martínez
Coreografía: Marta Alonso e Paula Quintas
Música orixinal: María Mendoza Iluminación: Javier Quintana Vestuario: Fanny Bello Produción: Distribución: Pistacatro

Auditorio Municipal de Vigo, 28 de abril de 2017.

 
 
 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

rolda |

XVIII Festival Internacional de Títeres de Redondela

javiermartinexforma |

La Exforma