in

Abre a XXXIV Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

nacidaslibres06 |
Do 30 de xuño ao 8 de xullo O Morrazo transfórmase un ano máis no epicentro do teatro cómico cunha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Durante nove días, a vila morracense acollerá 22 espectáculos entre os que se atopan 5 estreas absolutas, catorce espectáculos galegos e dúas coproducións. Cantidade e variedade resumen un programa que volve combinar os espectáculos no Auditorio Municipal xunto cunha ampla oferta de proposta de rúa e actividades paralelas en diferentes espazos da vila.

 

nacidaslibres06 |
A Mostra abre coa estrea de ‘Nacidas Libres’ de Contraproducións | Foto: PROlight Foto Estudio

 

O pano desta 34ª edición abrirase o venres 30 de xuño coa estrea absoluta de Nacidas libres, unha coprodución da Mostra coa compañía Contraproducións. Con texto de Cándido Pazó e dirección de Cristina Domínguez, o espectáculo presenta a historia de catro actrices que, fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha obra. Para iso fabrican o propio texto para a representación a partir dunha nova nos xornais: a do rescate de tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura de Santiago.

O sábado 1 de xullo será a vez de Chévere, que regresa a Cangas despois do éxito de público acadado con Eroski-Paraíso o pasado ano, no que recibiu o Premio Xiria ao Labor Teatral. A compañía, que celebra neste 2017 o seu trinta aniversario, ofrece unha revisitada versión dunha das súas montaxes máis célebres: Río Bravo. Cangas será así, xunto con Compostela, unha das prazas onde poderá verse este espectáculo. Por outra parte, ese mesmo sábado, Teatro en Punto presentará tamén a peza breve Unha rosa entre as pernas, na que Farruco e Roberto Leal dan corpo ao texto de Afonso Becerra.

A esencia de La Zaranda regresa á Mostra de Cangas con La Extinta Poética o domingo 2 de xullo. Eusebio Calonge asina o texto que dirixe Paco de La Zaranda para 9de9 Teatro, para a que fan unha excepción traballando como director e dramaturgo fóra da súa propia compañía, o que fai particular este proxecto. La Extinta Poética é «un canto de cisne, unhas flores botadas ao río, a fraxilidade da beleza sempre ameazada». Nela, entre «a futilidade dos desexos e traxedias mesquiñas da súa familia, un ser desvalido sente o impulso grande, vital esencial da arte».

O luns 3 de xullo a Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas presenta Incendios, de Wajdi Mouawad. A presentación enmárcase dentro do Revoltallo en Sala que, xunto co Revoltallo en Pedra que cada ano se celebra cada ano polas rúas canguesas, transforma a vila nunha verdadeira festa de toda a comunidade.

As estreas absolutas continúan en Cangas o mércores 5 de xullo coa presentación de A galiña azul, de Tanxarina Títeres. Neste 2017 no que se lle dedican as Letras Galegas ao escritor Carlos Casares, a histórica compañía de Redondela leva a escena este texto do autor coa dirección de Cándido Pazó. De igual xeito, do 1 ao 8 de xullo, o recibidor do Auditorio acollerá a exposición de Tanxarina «Toda unha vida de marionetas».

O xoves 6 de xullo será o tempo para a estrea en Galicia de Encore une heure si courte, un espectáculo da compañía francesa Théâtre du Mouvement & La Mecànica. Cun traballo baseado na teatralidade do movemento e no xesto, Claire Heggen dirixe un espectáculo entre a danza e o teatro de obxectos onde tres curmáns remotos de Beckett, Tati e Buster Keaton exploran un contexto descoñecido e hostil desde «unha linguaxe estraña, imaxinaria, musical e poética».

Teatro del Barrio regresa a Cangas o venres 7 de xullo con Emilia para mostrar a loita dunha muller, Emilia Pardo Bazán, empeñada en ser ela mesma e seguir os seus desexos de escribir e participar na vida pública. Con texto de Noelia Adánez e baixo a dirección de Anna Rodríguez, a actriz Pilar Gómez é a encargada de dar vida a esta muller forte, intelixente e extraordinariamente divertida coa que Teatro del Barrio continúa coa súa aposta por facer un teatro que nace da fame da realidade.


Publicidade

Por último, o sábado 8 de xullo a Mostra pecha o pano da súa edición 2017 con La Sección, un espectáculo de A Tiro Hecho que se encarga de desempoar as figuras de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Cármen Polo (de Franco). A proposta traslada a evolución histórica da Sección Feminina, «tan determinante no devir das vidas de miles de mulleres marcadas por imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero».

XVII Mulleres en Acción e I Torneo de Dramaturxia

Entre as actividades paralelas desta nova edición da Mostra destacan as XVII Xornadas Mulleres en Acción que terán lugar o 8 de xullo no Auditorio. Asentadas no «convencemento de que as artes vivas e a cultura son aliadas imprescindibles para combater a desigualdade de xénero», o programa deste ano inclúe a Presentación do Observatorio de Igualdade nas Artes Escénicas e no Audiovisual. Así mesmo, Asunción Bernárdez Rodal será a encargada de presentar o o traballo «Cine comercial en España 2010-15: Onde están as mulleres?» Finalmente, o acto ten como broche de gala a proxección do documental de Miguel Piñeiro baseado na vida da pedagoga Antía Cal que neste ano será homenaxeada co Premio Mulleres en Acción.

Entre as actividades paralelas da Mostra de Teatro figuran as charlas e talleres formativos como o titulado «O actor creador. O carácter, a acción e o conflicto» que impartirá Víctor Duplá. Como novidade este ano, atópase o I Torneo de dramaturxia de Galicia que, organizado pola asociación DramaturGA, terá lugar o martes 4 de xullo no Salasón coa participación de Afonso Becerra, Julio Fernández, Carlos Labraña, AveLina Pérez, Noelia Toledano e Roi Vidal.

Completa a programación da Mostra un amplo surtido de teatro de rúa coas propostas Xanciño «Chismes», de Adrián Ríos; A vida tola, de Pajarito; Sabeliña Sabelar, de Teatro na mochila; Equilibrando ilusiones, de Circovito; Ghasta Pista! Cabaré, de Pistacatro; Up2Down, de Cia. Traspediante; Las Polis, de Las Polis; Ekilibuá, de Cia. Maintomano e Pequeno Cabaré infantil, de Nelson Quinteiro Producións. Por outra parte, o Salasón e a Capela do Hospital repártense as actuacións de Inherente, con Agares que buligan gozando dunha habanera que non é; Enconadas con Non é país para conas, o mércores 5 de xullo, e AveLina Pérez con Os cans non comprenden a Kandinsky, o martes 4 de xullo. Por outra parte, unha nova mesa redonda sobre artes escénicas terá lugar na Mostra de Cangas co encontro de programadores e distribuidores de Galicia o 5 de xullo na Casa da Cultura.

Presentación da erregueté e encontro de autoras

A erregueté tamén estará presente nesta cita co teatro cómico e festivo coa presentación do seu número de verán e ofrecendo unha dobre mirada sobre a dramaturxia contemporánea a través dun encontro coas últimas autoras galegas editadas pola revista: María Armesto e a súa Winnie son eu (erregueté 89) e AveLina Pérez e Os cans non comprenden a Kandinsky (erregueté 91), o 7 de xullo na Capela do Hospital.

 

 

 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

honeyhori |

Honey Rose

riobravo |

Río Bravo