in ,

Comeza a XXXIII MIT Ribadavia 2017

hungerartist |
A XXXIII Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chega do 15 ao 24 de xullo cunha nova edición na que continúa coa aposta por prestar atención aos grandes mestres da escena mundial e a puxante tendencia de hibridación de xéneros escénicos.

 

hungerartist |
‘A Hunger Artist’ de Eimuntas Nekrosius

 

De igual xeito, neste 2017 a MIT acolle un apartado especial adicado á creación contemporánea a partir da obra de William Shakespeare (con propostas como as do proxecto Comedias de Teatro de la Ciudad ou as coprodución de Voadora ou Teatro Oficina) e reserva unha especial atención á danza, ao circo e as artes de rúa no festival. O 24 de xullo, PT Excéntricas será a encargada de clausurar o festival coa posta en escena de A cabeza do dragón, de Valle-Inclán.

Os foros, coloquios e cursos que a MIT organiza dentro das ACTIVIDADES PARALELAS son un atractivo apartado para o encontro xunto con como un forte proxecto de divulgación e formación crítica de espectadores, encamiñada ao fomento da competencia estética da cidadanía. O festival seguirá apostando polas residencias artísticas para a creación, o fomento da igualdade nas artes escénicas, así como polo programa Ruadavia (teatro de rúa) e o programa infantil da MIT. A presenza de Premios Nacionais (de Circo, Danza e Teatro) conviven nos espazos e nos foros co apoio ás novas dramaturxias (velaquí, por exemplo, a estrea de Todo sobre eva, Premio Abrente 2016 de Xandra Táboas dirixido por Diana Mera).
Espectáculos procedentes de Reino Unido, Grecia, Alemaña, Francia, Portugal ou Lituania convivirán coas estreas, coproducións e funcións (especiais) galegas e coa presentación doutras creacións do resto do estado. Este ano destaca a presenza de Eimuntas Nekrosius e a compañía MenosFortas con Un artista da fame o sábado 22 de xullo. Por outra parte, é preciso destacar a presentación en Galicia do Proxecto “Comedias” de Teatro de la Ciudad, coa representación de Sueño de Andrés Lima, La Ternura de Alfredo Sanzol e un curso intensivo arredor da metodoloxía de creación destas dúas comedias a partir de textos de Shakespeare impartido polo propio Alfredo Sanzol, entre o 17 e o 19 de xullo, en colaboración coa AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia).

Teatro de la Ciudad presentará en días consecutivos os seus froitos máis recentes. O martes 18 de xullo será a quenda de La Ternura, unha comedia na que Sanzol intenta trasladar a imposibilidade de protexernos do dano que produce o amor, porque se queremos amar témonos que arriscar a sufrir. O outro director responsable do proxecto escénico de 2017 desta unión concibida como unha aposta pola investigación, reflexión, creación, produción e exhibición do teatro contemporáneo é Andrés Lima. El presentará Sueño o mércores 19 de xullo, unha lectura en diálogo coa que tamén fará Marta Pazos a partir da peza Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare. Se no caso de Pazos o foco está na identidade de xénero, na liberdade sexual e na igualdade, no de Lima estará no terreo dos contrastes: delicadeza humana e o instinto animal, o etéreo e o terrenal, o onírico e o banal, o artificio fronte ao natural, o desenfreno e o racional, o desexo e o real.

Recentemente, o crítico alemán Jürgen Berger publicaba un artigo, baixo o título de “Modernidade globalizada na escena contemporánea” no que reflexionaba sobre as tendencias globais e o interese de moitos creadores por tratar temas do contexto global coma a crise, o terrorismo, a corrupción, etc. A MIT 2017 proporanos unha viaxe por estes relatos escénicos creados a partir de distintas técnicas e estilos, coma o teatro documento, no agardado espectáculo Clean City sobre o racismo, a inmigración feminina e a condición do persoal de limpeza en Grecia, maioritariamente mulleres e inmigrantes.


Publicidade

Clean City é unha coprodución do Onassis Cultural Centre-Athens e do Goethe-Institut, no contexto do proxecto EUROPOLY. Unha obra dos novísimos Anestis Azas e Prodromos Tsinikoris, saídos da escola dos alemáns Rimini Protokoll e actuais directores artísticos da Escena Experimental do Teatro Nacional de Atenas. Un espectáculo que está percorrendo os teatros e festivais máis destacados de Europa e que viu a luz despois de varios meses de investigación a partir da retórica da ultradereita sobre as ideas de limpeza e pureza, nunha vaga xenófoba que se alimentou dos desastres da crise económica. Clean City proporanos unha revisión dos estereotipos a partir de historias reais de mulleres da limpeza que chegaron a Atenas procedentes de Filipinas, Moldavia, Albania, Sudáfrica e Bulgaria. Daquela, Clean City quere lanzarnos algunhas preguntas: quen limpa, na práctica, o país? Por que a maioría do persoal de limpeza en Atenas son mulleres e inmigrantes? Por que aínda vivindo en tan pésimas condicións, de maneira ilegal e lonxe do seu fogar recordan ese tempo con ledicia e xovialidade? Quizais teña que ver coa emancipación, a liberdade e a dignidade… Para non perder o relato e o baile liberador destas cinco mulleres en escena.

O espectáculo de inauguración deste ano, previsto para o 15 de xullo no Auditorio do Castelo, é unha aposta pola continuidade da presentación de linguaxes híbridas da escena, que nos permitan cuestionar etiquetas, xéneros e ampliar as regras e consideracións sobre a arte escénica. Ademais, Golem, unha das máis aclamadas creacións da dramaturga e directora británica Suzanne Andrade, explora de forma satírica e moi intelixente unha das grandes cuestións do mundo moderno: quen ou que ten o control sobre as nosas tecnoloxías? Unha peza visualmente impactante, ambientada nun mundo futurista, con estética de novela gráfica de grandes proporcións e outra das grandes apostas internacionais do festival nesta edición coa presentación en Galicia da compañía 1927 en coprodución con Festival de Salzburgo, Théâtre de la Ville de París e Young Vic Theatre de Londres.

A MIT 2017, pola súa banda, estará marcada por unha función especial para conmemorar o 30 aniversario do grupo Chévere. Ligado estreitamente á MIT (Premio de Honra da MIT 2011), espazo de presentación do Proxecto Berberecheira, etc., Chévere presentará unha edición especial revisitada do espectáculo Annus Horribilis na MIT 2017, delirio musical que se estrou na NASA en outubro de 1994 e que volverá a ser afinado para esta ocasión tan especial e única.
Ademais destes espectáculos, outras actividades coma obradoiros, conferencias, espectáculos na rúa (estimulantes e innovadores tamén as artes de rúa coma o Vincles da compañía balear Circ Bover), os satélites da MIT no rural, etc., complementan o programa oficial, que logo se amplía de maneira natural nas tertulias, encontros e espazos non oficiais, os das terrazas, viños e pozas do Ribeiro.

Descarga do Programa completo aquí

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

golem1 |

Golem

ricardoiiiclujnapoca |

Ricardo III está prohibido