Todo sobre Eva

Ninguén quere ser mazá

| Roi Vidal Ponte |
| Foto: Rosiña Rojo | MIT Ribadavia |

O feminismo é a forza revolucionaria máis activa dos tempos modernos. Centra debates públicos e indaga en terreos onde non quixeramos entrar. Chámalle terrorismo aos asasinatos machistas e esixe dereitos e deberes desde uns fundamentos éticos irrefutables. Pero algo nos di que a sociedade non está preparada. Que a loita pola igualdade molesta. Que a liberación non está a ser publicitada.

Cando unha actriz famosa entra ao trapo e sanciona o feminismo como unha moda que ha pasar. Cando unha actriz famosa saca o lixo á industria porno clasificando a súa actividade de alternativa e feminista. Cando facer performances con bonecos con forma de vaxina ou con tetas libres en igrexas pode chegar a ser punible.

Algo nos di que esta loita ten razón. Porque molesta a quen lle ten que molestar. E molesta ben. E ben está que moleste.

O teatro galego non é alleo a este acceso das mulleres artistas á palestra feminista. A este asalto do discurso feminista aos escenarios. Na última década, cada vez con máis frecuencia, un pensamento feminista radical está nos escenarios para molestar a quen ten que molestar. Diana Mera é unha desas artistas que, desde os seus trinta e tantos osos, representa o saber facer arte a partir do saber pensar feminista. Con Todo sobre Eva, Mera asenta unha estética moi persoal baseada na provocación performativa de imaxes radicais mediante o uso violento dos corpos femininos. Encontrou no texto de Xandra Táboas, artista limiar entre as letras e a performance que desde o colectivo As ghatas salvaxes leva anos molestando a sociedade viguesa, unha aliada xunto a cal artellar un novo estoupido.

Todo sobre Eva molesta porque ten que molestar. A ausencia de palabras durante longos minutos responde a unha negativa a validar o discurso lingüístico patriarcal. A voz do feminismo é moito máis molesta canto máis visual. As imaxes que se suceden no escenario como nun pesadelo van ascendendo cara ao cumio totémico que representa a escena da violación metafórica. É unha xenialidade que merece pasar tanto ás antoloxías do feminismo como do teatro galegos: a cona é un pomelo vermello no que unha man allea foza para lle ofrecer unha chuvia aceda a cabeza sedenta do chan. A forza da imaxe reside tanto na súa beleza formal como na polisemia do seu contido.

E se a palabra teima en saír, ha de facelo dunha maneira tan pouco convencional como a lectura violenta, sen contextualizar, dunha listaxe de lugares e cifras que só de maneira elíptica somos quen de interpretar como o número de violacións denunciadas no presente ano.

O resto da peza molesta porque ten que molestar. Porque o ambiente é lúgubre e represivo como o ambiente social que castra a muller. Porque o uso de cancións abertamente machistas fainos tanta graza no oído como dano á dignidade humana. Porque a lentitude ritual e o silencio atronador renuncian ás inercias veloces da sociedade de consumo patriarcal que todas levamos dentro sen o saber.

As actrices fan un traballo notable e equilibrado. Do berro a obediencia, do noxo á cursilería, as interpretacións pasan por momentos de desgarro. E tamén molestan. Porque teñen que molestar. Unha iluminación carente de color e unha escenografía carente de calor contribúen a meternos na atmosfera do pesadelo.

Porque a obra é unha labazada ao gusto do público polos ritos tradicionais nos que a feminidade obediente se domestica. Comuñón. Voda. Lactancia. Violación. Ritos domésticos e eclesiásticos. Ritos sociais. Ritos patriarcais.
Como o propio feminismo, o teatro feminista de Mera e Táboas molesta porque ten que molestar e esa é a maior proba de que os textos poéticos de Todo sobre Eva (un dos Premio Abrente 2016) encontraron o seu incómodo acomodo no labor dunha directora á que cada vez lle sentimos mellor ese berro mudo que caracteriza a súa estética teatral.

Todo sobre Eva, de Xandra Táboas

Dirección: Diana Mera
Elenco: Andrea Dunia Díaz, Lucía Hernández, Paula Pier
Deseño espacial: José Faro “Coti”
Deseño de iluminación / Espazo sonoro: Xandra Táboas
Vestiario: Carlos Pinilla
Asistencia creativa: Lailarina Kenoesbailarina
Fotografía: Raquel Brandian
Deseño gráfico: Bibiana Hermida
Produción: Gravidade 0.0, ESAD de Galicia

MIT de Ribadavia. Auditorio Manuel María. 20 de xullo de 2017.

1 comentario

Dende Gravidade 0.0 e toda a equipa de “Todo Sobre Eva”, graciñas por toda a paixón recollida na crítica. Tamén por facer fincapé na necesidade dos discursos feministas en escena, dunha arte para a transformación, dun poñer o dedo sobre a chaga pra dar ese xiro de 180º tan necesario a todos os niveis. Gracias.

Deixar unha resposta