Normas para saber vivir na sociedade actual

Blindarse ante o cambio

| Manuel Xestoso |
| Foto: Ovidio Aldegunde |

Parece bastante actual recordar que se non cumpres as normas podes padecer o castigo da sociedade que as estableceu. Debería ser de actualidade –aínda que parece que non o é– lembrar que quen establece as normas é, polo xeral, unha parte da sociedade que se erixe en voceira do conxunto, aínda que esa representatividade sexa cuestionada dende outros sectores.

O texto de Jean Luc Lagarce parte dun manual de boas maneiras do século XIX para deitar unha mirada irónica sobre certos rituais sociais cuxa finalidade última –facilitar a convivencia entre as persoas– acaba sendo esquecida e substituída por un inmobilismo que sacraliza a forma para obviar o fondo. Fálase de vodas, de bautizos, de aniversarios ou de enterros; pero tamén podería falarse de parlamentos ou de constitucións.

“Sempre foi así” repiten os personaxes da obra de Sarabela, deixando claro que consideran a tradición a única fonte de lexitimidade sobre a que construír o armazón normativo co que protexerse da reforma e o cambio. A ambigüidade dende a que Lagarce enuncia as súas normas lembra precisamente que hai dúas visións sobre os regulamentos: unha, conservadora, que glorifica o statu quo para blindarse ante a innovación; a outra, progresista, que entende que o preceptivo e o político manteñen unha relación dialéctica que depende en última instancia das necesidades e desexos da sociedade. En escena só se mostra a concepción máis tradicionalista da norma pero, en realidade, proxéctase a obriga de atender aos procesos sociais e de non tratar de reducilos á lei do momento.

Sarabela enfronta a ambigüidade do autor dende esa confusión deliberada que provoca subliñar a teatralidade do espectáculo: habitualmente, acentuar o teatral indica pouca confianza nas palabras; aquí, pola contra, estamos ante un exercicio que extrema a tensión entre a palabra e a súa representación para levar ata o límite o significado político do discurso exposto. Que o monólogo orixinal se transforme nun texto recitado en grupo non fai máis que reforzar esa idea de que a lei debe medirse sempre co colectivo.

Hai unha estética que pode recordar as montaxes de Sarabela de hai quince anos, aínda que coa técnica máis depurada e a coa inclusión de música en directo, un elementos máis adherido ás correntes actuais. O certo é que, por debaixo desa teatralidade, hai unha sinxeleza que require madurez e unha boa dose de claridade no que se pretende contar. A proposta non era fácil, e mais o resultado acredita que o risco pagaba a pena.

O curioso é que a presión exercida por Sarabela sobre a ironía de Lagarce apura sobre todo o elemento cómico e converte Normas para saber vivir na sociedade actual nunha obra moi divertida que –paradoxalmente– mostra sen prescribir. Sen deixar que o tema se dilúa no humorístico. Un tema que, insospeitadamente, adquire unha actualidade que, con seguridade, non estaba nos cálculos do autor nin da compañía.

Normas para saber vivir na sociedade actual de Jean Luc Lagarce
Dramaturxia e dirección: Ánxeles Cuña
Elenco: Fina Calleja, Sabela Gago, Elena Seijo, Fernando Dacosta, Vadzim Yukhnevich [músico]
Deseño de escenografía e iluminación: Baltasar Patiño
Deseño de vestiario: Ruth D. Pereira
Deseño gráfico e proxeccións: Expresiva
Espazo sonoro: Vadzim Yukhnevich
Deseño de maquillaxe: Esther Quintas e Raquel L. Fidalgo
Fotografía: Ovidio Aldegunde
Coreografía: Ana Beatriz Pérez
Directora axudante: Paloma Lugilde

Festival Internacional de Teatro Cómico da Maia. Grande Auditório do Fórum da Maia, 10 de outubro de 2017

Deixar unha resposta