Cranios privilexiados

A filosofía e o contexto

| Manuel Xestoso |
| Foto: Natasha Lelenco |

O punto de partida é que a un país perralleiro lle corresponde unha filosofía perralleira. E, claro, un teatro perralleiro que os comediantes se ven obrigados a representar para estar á altura –ou á baixeza– das circunstancias. A ironía de Mofa e Befa adquire no comezo de Cranios privilexiados un ton autorreferencial que axuda a que o público asome á intención antes de entrar en materia. E esa intención apunta ás vantaxes dunha filosofía de andar pola casa ante o acoso dun enciclopedismo que sempre remata deixando en mal lugar aos que non teñen acceso ás habilidades básicas para se desenvolver no mundo aquilatado da alta cultura. Unha filosofía de guerrillas, para entendernos.

Recolocar os argumentos sempre pasa por comprender os lugares dende os que irradian: o contexto. E pensar axeitadamente significa comprender que nalgúns deses lugares o que non é regra tampouco ten por que ser excepción. Ao enunciado da regra que declara que unha dupla negación pode constituír unha afirmación pero unha dupla afirmación nunca pode constituír unha negación, o galego responde: “si, si”. Os espectáculos de Mofa e Befa sempre teñen algo dun Esperando a Godot nos que Vladimir e Estragon permanecen aí sabendo que o perralleiro é un destino que se pode superar, pero sen estar seguros de que superalo sexa un horizonte apetecible: no lugar onde eles habitan, os cambios sempre tenden a ser a peor.

Esa identidade perralleira –determinada polo medio e non pola herdanza– acaba por xerar un pensamento resistente que se oculta nunha realidade paralela. Unha realidade na que un tratado de filosofía escrito por un afeccionado lucense serve para describir o mundo tanto ou máis que a razón pura que alguén criticou dende os presupostos da ilustración: talvez se Kant fose galego, tería serios problemas para profesar a fe no progreso da que facía gala. E mais non renunciaría a comprender e interpretar o mundo, só que os medios empregados serían, obviamente, doutra natureza. Talvez os de Celestino Fernández de la Vega e o seu segredo do humor.

Cranios privilexiados ten, coma todos os espectáculos de Mofa e Befa, unha intención didáctica que flúe por debaixo da rigorosa anarquía coa que os protagonistas destrúen as ideas preconcibidas do público, e sinala que os prexuízos sobre certas formas de comprender a existencia proceden dun mal entendemento do contexto. A parodia opera aquí como unha hipertrofia da realidade e non como un arremedo burlesco: quizais para subliñar que a intención tamén vén dada por ese medio que obriga a refuxiarse no popular para acceder ao coñecemento.

Os textos de Pepe Sendón e Carlos Santiago amóldanse perfectamente a esa dinámica de centrarse nos comportamentos para revelar a filosofía que os produce, de retratar o singular para desvelar o colectivo. E nesa estilización da farsa, albiscamos unha realidade que se distingue moi pouco da súa caricatura. Para maior infortunio da razón crítica.

Cranios privilexiados de Pepe Sendón e Carlos Santiago
Dirección: Carlos Santiago
Elenco: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira
Dirección de Arte: Natasha Lelenco
Espazo lumínico: Octavio Mas
Atrezzo: Marcelino de Santiago ‘Kukas’
Técnico: Raul Giraldo
Produción: Rubén G. Pedrero

Estrea no Festival Internacional de Teatro de Ourense. Auditorio Muncipal. 11 de outubro de 2017.

Deixar unha resposta