in

Five Easy Pieces

fiveeasypieces |

A inocencia ante a verdade

| Vanesa M. Sotelo |

 

fiveeasypieces |

 

“Como aprendemos a ser humanos?” É unha das preguntas ás que nos convida o creador suízo Milo Rau coa peza Five Easy Pieces. Para suscitar esa pregunta desde a escena, non é estraño que escolla a actores menores de idade nin que a través dos seus corpos aborde o caso do pedófilo e asasino en serie belga Marc Dutroux. Tampouco resulta estraño que inicie o percorrido do seu relato no Congo cando este territorio africano daba os seus primeiros pasos na independencia despois da historia de barbarie escrita por Leopoldo II. Así, desde o corpo e a voz de actores e actrices de entre 8 e 13 anos, o público reconstrúe un mundo de adultos e asiste a través dunha mirada inocente á realidade de quen perdeu a inocencia.

Cunha proposta que se move entre a construción obxectiva do relato e a crueldade de asistir á manipulación do mesmo, Rau obtén un dispositivo onde ofrece a posibilidade de presenciar a ruptura da inocencia recomposta por inocentes desde un profundo sentimento de verdade. Dicía Wajdi Mouawad que o teatro é a acción imposible de recompoñer un xoguete roto porque cando o xoguete rompe e o neno lle leva os anacos aos pais, fagan o que fagan, estes non conseguirán nunca que o xoguete volva ser o que era. En Five Easy Pieces, Rau subliña esa operación que practica o teatro: mostra a fractura pola que a nena toma consciencia de que a súa reconstrución do xoguete por parte do mundo adulto non ten nada que ver co mundo encantado que creara.

Five Easy Pieces comeza coa presentación dos intérpretes nunha especie de proba-entrevista na que se mostran as claves da proposta e os desexos e as habilidades que os menores pasarán a materializar en escena. O actor Hendrik Van Doorn marca os tempos e a disciplina para manter as regras do xogo dese universo (re)creado. Nun perfecto equilibrio entre presentar o ensaiado e repentizar o xa pautado, o público asiste a unha verdade na que os feitos protagonizados por Dutroux se mesturan coas achegas, ao tempo incisivas e desenfadadas, que sobre a súa realidade fan os propios actores. Realidade cotiá e escénica, infantil e adulta, mestúranse nunha convivencia sinxelamente complexa onde o audiovisual remarca a idea de recreación da realidade e da súa propia imitación que acompaña á peza.


Publicidade

A primeira mirada que Milo Rau lanza sobre Marc Dutroux diríxese ao pasado belga en África. Centrando ese ollar no asasinato do Primeiro Ministro da República Democrática do Congo, Patrice Lumumba, a pregunta que xorde volve ser: “Como aprendemos a ser humanos?” Poderiamos asegurar que os monstros dos que fala Rau non son casos illados senón que habitan un sistema atroz e se alimentan do máximo poder. Non obstante, Rau descarta continuar por esta dirección para centrarse na propia construción do relato e a facilidade para condicionar a percepción da realidade.

Nas seguintes pezas, o espectáculo ofrece a recomposición do relato do pai de Dutroux, reconstrúe o escenario do crime desde a perspectiva da policía, revive o testemuño dunha das vítimas e comparte a experiencia duns pais que agardan noticias dunha filla que non regresará nunca. Distribuídos en sets repletos de detalles para resistir a verdade que a cámara recolle e amplía en directo, cada fragmento ofrece unha especial atracción provocada pola entrega actoral e o efecto perturbador de reconstruír desde a voz dun menor o relato dun mundo adulto demoledor.

Unha sucesión de primeiros planos conforma Five Easy Pieces: unha serie de inocencias rotas na que queda de manifesto o destino tráxico do ser humano, que non é outro que o da marioneta que realiza o seu desexo de ver o ceo cando se descobre rota e fóra do teatro. Ollos infantís transformados en miradas adultas, adultos convertidos en nenos desamparados e nenas que falan por boca doutras nenas trasladan o relato desdramatizado do monstruoso e permiten contemplar a desolación do vivo ante o real, da inocencia ante a verdade, da fractura dun destino que non volverá a ser o mesmo.

Five Easy Pieces, de Milo Rau.

Texto e interpretación: Aimone de Zordo, Fons Dumont, Arno John Keys, Blanche Ghyssaert, Lucia Redondo, Winne Vanacker, Hendrik Van Doorn, Eva Luna Van Hijfte.
Intepretación (Filme): Sara De Bosschere, Pieter-Jan De Wyngaert, Johan Leysen, Peter Seynaeve, Jan Steen, Ans Van den Eede, Hendrik Van Doorn, Annabelle Van Nieuwenhuyse.
Dramaturxia: Stefan Bläske.
Asistencia de dirección: Peter Seynaeve.
Asistencia de produción: Ted Oonk.
Investigación: Mirjam Knapp e Dries Douibi
Escenografía e figurinos: Anton Lukas.
Produción: CAMPO e International Institute of Political Murder
Coprodución: Kunstenfestivaldesarts Brussels 2016, Müncher Kammerspiele, La Bâtie -Festival de Genève, Kaserne Basel, Gessnerallee Zürich, Singapore International Festival of Arts (SIFA), SICK! Festival UK, Sophiensaele Berlin e Le phénis Scène National Valenciennes Pôle Européen de Création.

Teatro Municipal do Porto- Campo Alegre, 23 setembro de 2017.
 
 
 
 
 
 
 

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

cartel titiriberia |

Segunda edición de Titiriberia en Teo

peregrinacion2 |

Peregrinação