Elisa e Marcela

Os límites da comedia

| Laura Porto |

O teatro é marabilloso. Pode enganchar e aborrecer. Deixa indiferente, ensina, entretén, emociona e mesmo chega a anestesiar un pouco. Independentemente da calidade do que se amosa, o feito teatral sempre ten algo que nos transporta dalgún xeito a outro estado de conciencia, que nos fai querer volver unha vez e outra como adictas ao sublime.

A historia de Elisa e Marcela resulta estimulante para quen escribe. Descubrín a estas mulleres aos 16 ou 17 anos, e a súa historia pareceume impresionante, malia que chea de dor e incomprensión.

Cando decidín ir ver Elisa e Marcela tiña medo. Temía porque sabía que ía ser unha comedia e vivimos nun estado, o español, no que a cotío se chama comedia a cousas desagradables e retrógadas. Temía porque a historia de Elisa e Marcela, malia que minorizada, é moi importante para moitas persoas, porque máis de 100 anos despois segue a ser extremadamente relevante (o que resulta estraño, á par que boa mostra do que son os nosos tempos), e non sabía se podería soportar unha comedia ao uso sobre este asunto.

Cando o pano se abriu souben que non tiña máis que temer porque as miñas inquedanzas eran compartidas. Elisa e Marcela é unha peza máxica. O tempo contráese e dilátase a vontade das actrices e faiche perder a noción da realidade. Porque, o certo, é que non hai moito tan real como esta creación que foxe do realismo.

Elisa e Marcela é unha comedia impresionante, cunha estrutura e ritmos trepidantes que destila virtuosismo, ocorrente, que che fai escachar de risa… Pero tamén fai chorar, e non por exceso de gargalladas. E é que a historia destas mulleres é bastante triste ao fin e ao cabo, pragada de inxustizas, e resulta fundamental non agochar iso para contar ben a súa historia. A comedia non ten límites; a comedia é calquera cousa que se saiba tratar como tal. É unha actitude e é a actitude das actrices da Panadaría, que saben facer rir sen agochar a dor nin quitarlle importancia. É algo que completa, que pecha o círculo, que convirte unha peza máis sobre un tema interesante en algo que vai (ou debería) marcar a historia do teatro galego.

A Panadaría fai teatro da sororidade, e fai da sororidade teatro. A Panadaría colle unha comedia, a da nosa época, que leva un tempo ancorada e chea de pó e caspa, e dálle un paseo pola vida. Porque a comedia, para elas, non ten límites. A comedia é a vida.

 

Elisa e Marcela, da Panadaría

Dirección: Gena Baamonde
Texto: A Panadaría, Esther F. Carrodeguas, Gena Baamonde
Música orixinal: Ailén Kendelman
Iluminación: Laura Iturralde, Montse Piñeiro
Vestiario: Fanibell
Xastra: Patri Agudo
Deseño: Beatriz de Vega
Construción: CDG
Imaxe gráfica: Noelia Castro
Fotografía:; Pilar Abades
Vídeo: Alex Penabade
Asesoría en canto: Marión Sarmiento
Produción: Ailén Kendelman
Axudantía de produción: Liza G. Suárez

Auditorio Municipal de Vigo. 20 de outubro de 2017.

Deixar unha resposta