in

Cartografía en movemento

nieves neira foto de cris vilarincc83o |

Cartografía en movemento, coreografía do afecto: unha volta pola sexta edición do festival

| Nieves Neira |

 

Esta foi a fotografía final do festival Cartografía en Movemento: varias persoas, organizadoras e artistas, durmindo a sesta na Casa do Río, en Vilar de Donas (Palas de Rei), onde se celebrou a última sesión do festival o pasado 29 de outubro. Os artistas convidados nesa xornada – María Move e Diego Buceta- valoraban, ademais das cartografías nos distintos espazos, esa coreografía do afecto da que a fotografía era fiel retrato.

 

fotofinal e1511962948799 |
Foto: Olalla Caamaño

 

No fondo, xa non se trata de ver unha ou outra proposta, senón de crear outro corpo, outra cidade. Foi coa vontade de pensar os espazos de Lugo a través das artes escénicas que botou a andar Cartografía hai seis anos, da man da asociación 3monos, que naquel momento tamén comezaba a dar os seus primeiros pasos: dous cativos da man, explorando o mundo. E así creceu, sostida nese afecto… e practicamente máis nada, unhas veces por falta de apoio institucional, e outras para que a burocracia extrema que implica xusfiticar as subvencións non afogase o desexo de xuntarse e danzar.

Por iso este ano, coa entrada do festival na Rede de Festivais CompliCIDADES, e a axuda económica que trouxo consigo, as integrantes de 3monos preguntáronse como podían crecer sen que eses dous cativos soltasen a man. Estaba claro que o núcleo desa man eran elas mesmas, saíndo á rúa, sen máis. Nin menos. Estou segura de que moitas das propostas de Cartografía merecen a maior atención. Pero xogamos cunha dupla discriminación: a das artes do movemento –en Lugo non existe programación de danza contemporánea– e a dun sistema cultural que exclúe o que non acontece nos seus centros de lexitimación.

Ese mapa que nun día percorre a cidade en movemento, e que foi o primeiro corazón do festival, contou o pasado 27 de outubro con nove propostas. Algunhas delas de participantes fieis, como o caso das compañías Palimoco e Palimoquiños, que ocuparon a praza Maior baixo a dirección de Paloma Lugilde coa súa peza Móveste?, ou Swing Jazz Lugo, que ofreceu unha aula aberta que reuniu a ducias de persoas na praza Maior. Tamén Remedios Cuba, que nesta edición achegou a peza Yo espejo ao miradoiro do Parque de Rosalía. Ela, que introduciu a súa proposta “coma o neno pequeno que descubre o seu corpo a través da imaxe no espello”, contou coa participación, espontánea e inesperada, da súa filla, pequena. Así é Cartografía: aberta ao acontecemento, arriscada ao encontro.

 

remedios cuba foto de pepe saavedra 1 |
‘Yo espejo’ de Remedios Cuba | Foto: Pepe Saavedra

 

 

María Move, con In mapa soon, e Daniel Pardo, con A Profecía, sumábanse este ano á programación con dúas propostas que conxugaron música e danza. Por unha banda, María Move creou con loops un ambiente sonoro baixo o arco da muralla da Estación, sobre o que danzou, coma se dunha textura se tratase, cos últimos raios do día. Daniel Pardo, acompañado da voz de Leticia, fixo na súa proposta un canto ao afecto, un afecto que, como a fonte da praza que os acolleu, mana en todas as direccións.

Varias das integrantes da asociación estiveron tamén dentro deste mapa coas súas propostas. Así, na traseira do vello cárcere da cidade, Eva Valle e Javier Seral renderon homenaxe ás mulleres a través Das súas mans , esas mans que coidaron ao longo dos séculos e que rechaman na fotografía que inspirou a creación: as pousadas sobre a saia negra de Encarnación do Souto de Vilarpandín, extraída dun arquivo de recuperación histórica do Ceip de Navia de Suarna.


Publicidade

Cara A-Cara B, de Mar Freire e Iria Otero, levounos a un solar ao carón da muralla; un espazo en barbeito, sen función, axeitado para acoller unha proposta crítica con esta ‘sociedade do cansazo’ na que sempre andamos a mil. Axeitado, polo contido, pero tamén posible pola forma, cunha proposta que ofreceu a pausa precisa para escoitar ese mesmo espazo e a danza das herbas que nel crecen salvaxes.

 

nieves neira foto de cris vilarincc83o |
‘Trenza’ de Nieves Neira | Foto: Cris Vilariño

 

Cerquiña, na Tinería, eu mesma presentei Trenza, título que responde aos tres poetas lidos ao pé da miña casa: Fran Cortegoso, Uxío Novoneyra e María Gabriela Llansol. Para iso, contei coa voz de Olalla Caamaño (tamén integrante da asociación), da miña nai, da miña irmá, e dos veciños que, nun momento dado entraron nas súas casas para sacudir, dende elas, sabas brancas que acompañaron a danza e o seu pulo marítimo.

Como todos os anos, as 3monos tamén actuaron xuntas. Este, a proposta foi unha improvisación a cegas no parque de Rosalía de Castro, co nome de Interludio, inspirada nun exercicio de Andrés Corchero, que o ano anterior fora convidado pola asociación para participar no outro festival que organiza, Kojoteki, de butoh e artes do movemento. Ademais dos nomes antes mencionados, sumáronse a ela as integrantes de 3monos María Grandío, Cris Vilariño, Laura García, Rafael de la Fuente e Ester Pedrouzo.

O redimensionamento do festival, froito da entrada na rede CompliCIDADES, levou á asociación a plantexarse non só a programación dunha xornada de Danza en Ruta noutro espazo (Vilar de Donas), senón á expansión do traballo noutras comunidades, neste caso, a educativa. Así, a sexta edición de Cartografía en Movemento arrancaba o día 27 con Todas as cartas de amor son ridículas, unha peza xa intepretada por 3monos na cuarta edición, e que este ano levaba á praza de Santa María o alumnado de primeiro de bacharelato do Colexio Fingoi, logo dun mes de intenso traballo no centro educativo cunha equipa conformada por Cris Vilariño, Iria Otero, Eva Valle e Nieves Neira. A partir do verso de Pessoa que lle dá título á peza, e como traballo dentro da materia de Filosofía, o alumnado pensou o amor a través da filosofía, elaborou o suxeito que escribe cartas de amor a través da literatura e traballou a creatividade do corpo para facer súa a obra, nun proceso que logrou a transversalidade do coñecemento na implicación de varias materias.

Neste contexto, dentro do festival tamén se visionou o día 28 documental Dancing Dreams, que rexistra a montaxe, por parte de corenta adolescentes, da peza Kontakthof, de Pina Bausch, acompañados pola propia coreógrafa e a súa equipa. Ese mesmo día, Eva Valle abría un aula na praza de Pío XII, entre a catedral e a muralla, para compartir coas persoas interesadas varias inquedanzas do traballo da asociación, como son a improvisación e a danza na rúa. Esta clase serviu tamén para preparar a participación no proxecto The Nelken Line, lanzado pola Fundación Pina Bausch a comezos de ano, que convida a bailaríns de todo o mundo, independentemente do seu nivel, a realizaren unha pequena coreografía inspirada nas estacións do ano. O vídeo, que Belén Mendaña gravou na muralla, subirase á web da Fundación Pina Bausch, e pronto poderá verse nas redes.

A xornada de Danza en Ruta, enmarcada na rede compliCIDADES e organizada coa colaboración da Casa do Río, tivo como escenario privilexiado a capela de Vilar de Donas, xestionada pola asociación de veciños ‘A Capela’, que tamén foron público nas propostas. A primeira foi a nova peza de Diego Buceta, As vacacións máis longas, unha obra na que traballou grazas a unha ‘Residencia Paraíso’ no Auditorio Municipal de Ourense, concedida polo colectivo galego RPM. Coma se fora creada para esa mesma igrexa, o seu corpo multiplicouse en tres espazos, tres velocidades, tres enerxías: presbisterio, nave e atrio; lentitude, axitación e movemento circular. Vestido de branco, só movemento. María Move sería a última artista do festival con Toda a beleza do mundo, un título ao que respondía a contorna da capela, cos seus bancos fóra configurando outro espazo no que os movementos das mans dialogaron cos carballos e castiñeiros, e de novo a súa voz co canto dos paxaros.

 

diego buceta foto de cris vilarincc83o |
‘As vacacións máis longas’ de Diego Buceta | Foto: Cris Vilariño

 

Chegamos á foto final: unha sesta despois dunha comida na Casa do Río, e logo de moitas voltas, facendo honra a Cartografía en Movemento. Deixamos algunhas migas no camiño, dos melindres que fixo Aurora Roca, ou das comidas que tamén son parte do festival. Se as propostas que programou foron críticas co ritmo no que o pracer se perde, a organización ten que respeitar tamén o tempo do encontro. De todos os encontros. Das mans dadas. A coreografía do afecto.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

20171102 elisaemarcela 39 rrss 1 |

Elisa e Marcela

fillosdosol |

Fillos do sol