in

Escenas do Cambio 2018 desenvolverase do 1 ao 10 de febreiro

presentacionescenasdocambio2018 |
Foto: Manuel G. Vicente
A cuarta edición de Escenas do Cambio regresará de novo entre os días 1 e 10 de febreiro de 2018. A nova xeira do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción, que contará con 13 espectáculos de compañías procedentes de cinco países, foi presentada esta mañá nunha nave de despezamento do Polígono do Tambre, en Compostela. | Foto: Manuel G. Vicente

Estela Lloves, Félix Fernández, IlMaquinario e Voadora serán os representantes das artes escénicas galegas nesta edición de Escenas do Cambio. Precisamente a presentación tivo lugar nunha nave de despeces e repostos como “xesto cómplice” coa montaxe de Voadora, na que se aborda o papel da muller no mundo da industria do motor e que, en coprodución con MA Scène Nationale – Pays de Montbéliard, foi representada por primeira vez este ano en Francia. Na súa estrea en España para este festival as protagonistas serán traballadoras de PSA Peugeot Citroën de Vigo.

Pablo Fidalgo, director artístico de Escenas do Cambio, incidiu en que dar “continuidade” aos artistas é “unha das premisas” do festival. No entanto, tamén salientou que o certame continúa interesado en descubrir para Galicia e para o resto do estado, artistas internacionais consolidados “que non tiveron moitas oportunidades de amosar o seu traballo no noso país. Neste sentido, apuntou que Escenas do Cambio segue a traballar con artistas de Galicia como Estela Lloves ou Félix Fernández, “creadores transdisciplinares que nos últimos anos amosaron o seu traballo máis no estranxeiro que en Galicia”. Ao mesmo tempo, quixo remarcar o labor formativo do festival cos obradoiros da compañía galega IlMaquinario e dos artistas portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz.

Maior presenza da danza e da arte en movemento

Publicidade

A danza e a arte en movemento, sempre cun papel destacado no certame, eríxense cun especial papel protagonista. Será unha proposta de 2014 inscrita nestas disciplinas –Antonio e Cleopatra–, de Tiago Rodrigues, a que abra Escenas do Cambio o 1 de febreiro, tras presentarse en inglés, francés e portugués en teatros de todo o mundo.

Completan o programa Mithkal Alzghair, Maria Arnal e Marcel Bagés, Miguel Pereira, Mursego, Mohamed El Khatib, Edurne Rubio, Xavier Le Roy, Daria Deflorian e Antonio Tagliarini, Israel Galván, Pedro G. Romero / Filiep Tacq e Vitor Roriz.

O director artístico do festival erixe a disidencia como a “esencia” común de todas as creacións presentes neste Escenas do Cambio 2018. Así, inscribe na “disidencia” a forma de entender a morte de Mohamed El Khatib; a explicación da brutal guerra de Siria de Mithkal Alzghair ; a ensinanza de pensar desde o corpo de Xavier Le Roy; o feito de bailar nunha biblioteca de Israel Galván; e no traballo desde Bruxelas, a partir dunha experiencia familiar “única e abraiante” de Edurne Rubio.

Máis aló do Gaiás

Escenas do Cambio continúa a liña aberta na anterior edición e volve estenderse e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais, teatros e salas da capital de Galicia. Deste xeito, ademais de no Museo Gaiás e da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, o espectáculos de Escenas do Cambio terán como escenarios o Teatro Principal, no caso de Light years away de Edurne Rubio ou o Salón Teatro, para a estrea de Garage de Voadora. O CGAC acollerá o concerto de Mursego, mentres que Miguel meets Karima, de Miguel Pereira, representarase na Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

As entradas de Escenas do Cambio 2018 estarán á venda a partir do 1 de decembro en www.escenasdocambio.org. A partir desa data e na mesma páxina web xa se poderá consultar todo o contido do festival polo miúdo.

Neste mesmo site tamén se facilitará información para as inscricións do obradoiro impartido polos portugueses Sofia Dias e Vitor Roriz, que compartirán algunhas ferramentas de investigación e improvisación que se producen nos seus procesos creativos como coreógrafos e que está aberto a calquera persoa interesada na interpretación con ganas de experimentar en novas técnicas.

Tamén nesta páxina web daranse a coñecer os trámites para inscribirse en #Fogar, o espazo de encontro sobre teatro biográfico que impartirán os días 2, 3, 4, 8, 9 e 10 de febreiro Melania Cruz e Tito Asorey, de IlMaquinario Teatro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

platta2 |

O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana intégrase na PLATTA

CDG AGADIC

AGADIC convoca o proceso de selección de elenco para o ‘Divinas palabras’ do CDG