in

O muro, por Carlos Santiago

tráfico2 |
| Texto: Carlos Santiago |

 

Hai un muro entre a Galiza e Portugal que condiciona calquera debate, non só no eido teatral, sobre os seus desexables amoríos. O muro é eminentemente cultural, e para nada ortográfico. Temos, nunha beira do río, un país excéntrico que perde unha e outra vez as oportunidades de definir un proxecto histórico e ideolóxico propio, con base na súa singular realidade étnica, se me desculpades semellante adxectivo, completamente deturpado no seu uso actual. Temos, na outra beira, un país que presume de ser un dos poucos e auténticos estados-nación europeos, cunha cultura cada vez máis homoxénea e monolítica, onde practicamente toda a xente é do Sport Lisboa e Benfica, agás unha aldea galega, digo gala, aínda resistente ao invasor, que é enteiramente do Porto FC. O muro alicerza nun tabú, o tabú da continuidade entre a cultura galega e a cultura portuguesa, falsamente solucionada por unha fronteira política que trobadores e contrabandistas levan transgredindo desde o ano 1143. Continuidade non só lingüística, e que arda a polémica, que non todo vai ser eucalipto. Como calquera tabú, só pode ser vencido a través do coñecemento.

Aínda que non o pareza, estou a falar dunha categoría dramática fundamental que é “o público”. Facendo abstracción de todas as eivas, complicacións e obstáculos que, nunha perspectiva profesional, ameazan as sempre fráxiles relacións entre a escena galega e a portuguesa, o problema do público é a nai do año. Xente hai que pensa en planos maquiavélicos para portugalizar a Galiza e outra, aínda máis maquiavélica, que delira con galeguizar Portugal. Pero o público que deixa os cartos na billeteira continúa a ter o mesmo problema, mentres Maquiavelo segue a pensar nas súas cousas no cuarto de baño. De novo o coñecemento semella a única opción plausible.

Coñecemento significa experiencia sensible. Nada pode funcionar entre estes dous amantes se non aprenden a falar a mesma lingua, que xa falan sen saber. Quero dicir, é preciso alumear un público, vámoslle chamar galaico-portugués, para que a palabra “intercambio” sexa algo máis que unha prometedora abstracción. Do lado das institución sempre será benvido o seu cálido cinismo, mais a cousa cífrase máis nas persoas e nas relacións humanas directas. No cara a cara, se se quere.


Publicidade

E iso, de novo, pasa polo coñecemento. A cuestión radica apenas en quen ten que dar o primeiro paso nese camiño. E aí, atrévome a ser asertivo. Nós. O por que, ídesme desculpar, mais non cabe en dous mil quiñentos caracteres.

 

| Fotografía: Unha escena de Tráfico de Carlos Santiago, na posta en escena dirixida por Chiqui Pereira e producida polas compañías Baal 17 e AL Teatro |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

seiscordas |

Festival Seiscordas 2017

ErnestoIs2 1 |

Entrevista a Ernesto Is