in

Isabelle Huppert e Jeremy Irons reciben o Premio de Teatro Europeo

premioeuropa |
Dende hoxe e ata o 17 de decembro, Roma acollerá a XVI edición do Premio Europa de Teatro e a XIV edición do Premio Novas Realidades Teatrais. A celebración coincide co trixésimo aniversario do Premio, a primeira iniciativa cultural promovida pola Comunidade Europea no campo das artes escénicas.

O XVI Premio de Teatro Europeo outorgáselle a Isabelle Huppert e Jeremy Irons. O Premio concédeselle a estas dúas figuras emblemáticas do panorama internacional, dous actores cuxa formación teatral desempeñou un papel fundamental no proceso de elección. Isabelle Huppert e Jeremy Irons son artistas capaces de mudar do campo do teatro ao do cine e viceversa. É a segunda vez, despois do premio outorgado a Michel Piccoli (en 2001), en que o gremio dos actores recibe o galardón. Os dous artistas compartirán espazo escénico, participando nunha función concibida especificamente para este evento: Ashes to Ashes de Harold Pinter.

Este ano, considerouse da maior importancia asignar outros dous premios: un Premio Especial a Wole Soyinka, Premio de Nobel de Literatura en 1986, que, a través da súa obra, conseguiu crear unha ponte imaxinaria entre Europa e África: un compromiso a ter en conta dado o problemático estado das relacións entre o Vello Continente e África. Por motivos similares, Fadhel Jaibi recibe unha Mención Especial polo seu traballo e dedicación como director do Teatro Nacional de Túnez, onde non perdeu a súa lucidez e o seu sentido crítico, especialmente relevantes nun período histórico caracterizado pola inestabilidade da política e das ilusións e desilusións que dende hai algúns anos afectan á vida das poboacións do Magreb e do mundo árabe.

Desde que se estableceu o Premio Europa de Novas Realidades Teatrais, realizouse un gran esforzo para buscar as iniciativas teatrais máis creativas, sinaladas e innovadoras no teatro europeo, independentemente de estilos ou formas de expresión e sen limitacións de xénero. O xurado desta XIV edición do Premio decidiu recoñecer a varios eminentes candidatos que, malia a súa relativa mocidade, xa alcanzaron un notable status internacional. O xurado escolleu seis candidatos:

  • Susanne Kennedy, a “cruel” e irónica directora holandesa (e un pouco alemá), presentará The Virgin Suicides. É unha directora que explora os vínculos entre o teatro e outras formas de arte, e que provoca que os actores, as palabras e as ideas se movan e entrecrucen en obras realizadas en espazos que ás veces son teatros e, ás veces, instalacións de arte visual.
  • Jernej Lorenci, candidato desde 2011, abordará o Ubu Roi de Alfred Jarry. É un director maxistral cuxa principal ambición é establecer un especial fluxo de emocións entre o escenario e o público.
  • Yael Ronen, candidata desde 2009, estará á fronte dun exército romano en Roma Armée para defender a variedade e diversidade dos “outros” pobos europeos. Ronen é unha dramaturga e directora cosmopolita capaz de retratar cuestións políticas e sociais tráxicas cun sentido do humor aparentemente frívolo, aumentando así a conciencia do gran público sobre situacións políticas reprobables que requiren unha atención urxente.
  • Alessandro Sciarroni é un artista visual, bailarín e actor que sempre sorprende aos que intentan adscribilo a un xénero determinado. Presentará a súa creación Untitled I will be there when you die (que se puido ver en Compostela, no festival Escenas do Cambio de 2015) e un work in progress: Cowboys.
  • Kirill Serebrennikov, autor, director de cine e teatro, profesor, escenógrafo e inventor de novos espazos escénicos é un artista brillante e innovador, cunha carreira xa sobradamente coñecida.
  • Teatro NO99, candidata desde 2010, é unha compañía que combina o compromiso político cun método de traballo baseado na cooperación e interacción constante e activa entre o director e os actores. Estarán presentes coa produción NO 43 – Filth.

O presidente do Xurado e ETP, de acordo co Consello, tamén decidiron conferir un Premio Especial a Dimitris Papaioannou, candidato desde 2007, cuxa fama e prestixio chegaron aos niveis máis altos do teatro europeo nos últimos anos. A súa contribución é o suficientemente importante para considerar este premio especial como urxente, merecido e obrigatorio.

O evento é unha oportunidade para acoller un programa de gran calidade acompañado de momentos de reflexión sobre a escena contemporánea. En xeral, os seis días de celebración do Premio irán moito máis alá da mera dimensión do espectáculo, para explorar temas como o da función social do teatro e o do coñecemento entre culturas diferentes. Os protagonistas contribuirán con espectáculos, estreas, lecturas e obradoiros, pero tamén participarán en encontros e conferencias para que o público, a crítica e os estudantes e profesionais teñan a ocasión de coñecer en profundidade a súa forma de facer teatro.

A sección Regresos presentará producións dos gañadores en edicións anteriores. Este ano incluirá funcións do Rei Lear de Giorgio Barberio Corsetti, unha reinterpretación de Hamletmachine dirixida por Robert Wilson xunto coa Academia Nacional de Arte Dramática Silvio D’Amico, e un Ricardo III dirixido por Peter Stein.

O Premio Europa de Teatro

O Premio Europa de Teatro, cuxa primeira edición tivo lugar en 1987, foi proposto en 1986 como un programa piloto no campo de teatro pola Comisión Europea dirixida por Jacques Delors. Naquela altura houbo un importante traballo de Melina Mercouri, patroa da primeira edición do Premio, e de Jack Lang, daquela ministro de Cultura francés e actual presidente do premio. Grazas aos seus desvelos, o Premio é recoñecido polo Parlamento Europeo e o Consello Europeo da Cultura, desde o 2002, como unha Organización Europea de Interese Cultural.


Publicidade

O Premio promove a interdisciplinariedade, a integración e a cooperación entre o teatro e outras artes. Os seus obxectivos son promover o coñecemento e a difusión do teatro en toda Europa, avanzar no desenvolvemento das relacións culturais e fortalecer a conciencia europea. O Premio outorga, entre outros, dous galardóns: o Premio Europa de Teatro e o Premio Europa de Novas Realidades Teatrais.

O Premio Europa de Teatro entrégase a individuos ou institucións teatrais (teatros, compañías…) que contribuíron á realización de obras que fomentan a comprensión e o intercambio de coñecemento entre os pobos. O premio outórgase ao conxunto dunha traxectoria e o gañador é elixido entre personalidades notables do teatro internacional, considerado en todas as súas diferentes formas e expresións.

O Premio Europa de Novas Realidades Teatrais instituíuse na terceira edición do Premio Europa de Teatro. Ten como obxectivo alentar novas tendencias e iniciativas emerxentes no teatro europeo, considerando calquera forma de expresión e contemplando tamén os valores teatrais da danza e a música.

Para a selección dos candidatos a Premio Europa de Novas Realidades Teatrais, o xurado é axudado por un Consello (400 participantes) composto por integrantes dos órganos e institucións asociados ao Premio, premiados en anos anteriores, críticos, xornalistas, directores de teatros e festivais e representantes de varias institucións culturais.

 

O programa completo da celebración pode consultarse aqui.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mortesambou |

Galicreques, seleccionado para Iberescena 2018

premioVarelaBuxan2 |

Fernando Castro Paredes gaña o Premio Varela Buxán