in

Il segreto di Susanna

susana01 |

Desexar por conta allea

| Manuel Xestoso |
|Foto: L. Soto |

Un intermezzo, unha peza de apenas unha hora que nos deixa albiscar como sería gozar dunha programación de ópera digna de tal nome en Galicia. Máis alá da Coruña, non existe nada parecido (e aínda alí as cousas son moi diferentes de como foron non hai tantos anos, cando o Festival Mozart nos permitía asistir montaxes de Strehler, Wernicke ou Graham Vick). E talvez por iso debemos considerar este espectáculo, ademais de polos seus propios méritos, como un acto reivindicativo, unha tentativa de normalizar a ópera e de demandar a súa presenza alí onde haxa espazos que o permitan.

Pero tamén hai máis: un recoñecemento de que un espectáculo operístico tampouco esixe sempre o fasto con que habitualmente nolo imaxinamos. O teatro musical pode ter outras dimensións e esta obra –continuadora dun xénero que inaugurou Pergolesi coa súa La serva padrona– demostra que se pode difundir o patrimonio escénico-musical sen grandes dispendios: agora que coñecemos a importancia do concepto “creación de públicos”, non é algo que se deba esquecer.

A trama non ten demasiada transcendencia: un argumento un pouco parrulo que busca a circunstancia cómica, o equívoco hilarante. E mais tamén é certo que subsiste un estrato que segue facendo parte da realidade cotiá do noso tempo: a muller como sospeitosa, a obrigatoriedade de que os seus desexos sexan administrados por conta allea. Unha forma máis de opresión que, malia a xovialidade de vodevil con que se trata todo o asunto, ten máis relevancia da que aparenta. Revela un sistema desigual de relacións humanas, unha sociedade que sempre volve.

Candido Pazó leva a obra cara ao bufo –quizais a única forma de que non renxan hoxe certas situacións da trama– e consegue facer pasar por broma o que en realidade é unha ridiculización da autoridade do varón, da crueldade que xeran as súas inseguridades. O home que teme que a súa muller teña un amante porque na casa cheira a tabaco –sen sequera formularse a pregunta de se será ela a que fuma– transfórmase nunha parodia de si mesmo e nunha caricatura doada de escarnecer. Pazó domina os seus rexistros e logra que o enredo saia adiante sen negar a súa propia arte.

A todo isto axudou, especialmente, a soltura de Javier Franco, que demostrou que, ademais de ser un barítono cunha rica paleta de tonalidades vogais, posúe unha vis cómica e unha intuición escénica capaces de engaiolar ao público e facer prosperar ao seu personaxe ao tempo. Clara Jelihovschi Panas replicoulle dende unha contención moito menos expresiva, aínda que no musical ambos se compensaron sen problemas. O TAC foi quen de facer unha interpretación que se correspondía perfectamente coa lixeireza da función, logrando facer do conxunto de contrastes tímbricos e melódicos un personaxe máis da trama.

Quizais sobrou a presentación de Pazó –entre a obertura e o resto da obra–, que aproveitou para, cun episodio do Decamerón, introducirnos no rexistro humorístico da obra, pero que, por momentos, parecía desnaturalizar a velada. Redimiuse logo, aplicando pequenas doses de comicidade engadida á función dende o seu papel de criado mudo.


Publicidade

Con todo, a representación gustou moito e rematou entre bravos e xente posta en pé. Un argumento máis a favor de converter estas excepcións en norma.

 

Il segreto di Susanna de Ermanno Wolf-Ferrari e Enrico Golisciani.

Director musical: Diego García Rodríguez.
Director de escena: Cándido Pazó.
Elenco: Clara Jelihovschi (Soprano), Javier Franco (Barítono), Cándido Pazó (Sante).
Taller Atlántico Contemporáneo (TAC).

Teatro Principal de Compostela. 16 de decembro de 2017.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

vader |

GUIdance 2018: Da historia dos corpos emerxe o futuro da danza

CDGGranTeatro |

Gran teatro para os máis pequenos no CDG