in

AGADIC abre a convocatoria de axudas a salas privadas

MG 6353 |
Destina 70.000 euros a esta liña de subvencións, a través da que se fomenta a estabilidade das programacións artísticas de carácter profesional neste tipo de locais, cunha capacidade máxima de 250 butacas. | Foto: Nando Iglesias |

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das subvencións a salas privadas de artes escénicas para 2018, ás que destina 70.000 euros. Mediante esta convocatoria anual, búscase contribuír á estabilidade deste tipo de espazos, de xestión privada e cunha capacidade máxima de 250 localidades, para desenvolver programacións artísticas de carácter profesional.

As persoas físicas ou xurídicas xestoras das salas teñen de prazo ata o 22 de xaneiro de 2018 para presentar as súas solicitudes xunto coa documentación requirida, que debe incluír o seu proxecto de programación e o plan económico-financeiro para o ano que vén. As bases tamén establecen que cada sala beneficiaria poderá recibir un máximo de 30.000 euros, tendo como límite o 50% do orzamento do seu proxecto.

Entre os criterios que se terán en conta na adxudicación destas subvencións, valorarase a antigüidade das empresas xestoras, a súa pertenza á Rede Galega de Salas, o número de funcións en cartel (excluídas as programadas a través da devandita rede), o número de días con actividade aberta ao público, a contratación de compañías galegas, o desenvolvemento de programas complementarios (fomento de novos creadores, formación ou colaboración con centros de ensino), o plan de comunicación e xestión de públicos e os recursos humanos implicados.


Publicidade

Para o seu funcionamento, este tipo de espazos conta así mesmo co apoio da Agadic a través da Rede Galega de Salas, circuíto do que forman parte tres dos catro locais subvencionados en 2017: Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña e mais Ensalle de Vigo, que foron os adxudicatarios xunto con Ártika Sala Teatro de Vigo. A rede, financiada integramente pola Xunta de Galicia, conta actualmente con cinco salas asociadas (as tres anteriores, a Fundación SGAE de Santiago e a Sala Ingrávida do Porriño) nas que terá ofrecido durante este ano 119 actuacións cun investimento de 60.000 euros.

Podes ver aquí o anuncio no DOG

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

XerrasMaríaCasares |

Convocados os XXII Premios de Teatro María Casares

micro03 |

Escoitar para ter algo que dicir, por Paula Carballeira