Presentada a programación semestral da Rede Galega de Salas

A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Culura e Educación promove durante este semestre 53 actuacións nos cinco espazos escénicos que conforman a súa Rede Galega de Salas: Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo.

Con máis de dez anos de actividade, o circuíto ofrece un abano de propostas moi diversas e cunha ampla presenza das montaxes especialmente dirixidas ao público infantil e familiar nas fins de semana. Así sucede no arranque da nova programación cos espectáculos Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe en Milán (e van sen un can), de Talía Teatro, no Teatro del Andamio o sábado 20 (18,00 h.) e o domingo 21 (12,30 h. e 18,00 h.), e o espectáculo para crianzas Cu-cú, tas-tás, de Títeres Cachirulo, na Sala Gurugú o sábado 20 ás 18,30 h.

Tamén nos vindeiros días terán lugar dúas funcións de Paisajes de extinción, de Anómico Teatro, no Teatro Ensalle (mañá venres e o sábado, ás 22,00 h.), como exemplo doutro tipo de montaxes de carácter máis experimental que tamén teñen cabida nesta oferta.

A meirande parte dos espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de formacións galegas. Ademais das citadas, o circuíto programa os espectáculos para público familiar das seguintes compañías teatrais: A la Sombrita, A Trastenda dos Contos (Caxoto Contacontos), APP Creacións, Babaluva, Danthea Teatro, Elefante Elegante, Galeatro Producións Escénicas, Ghazafelhos, Hilando Títeres, Katarsis Educación e Teatro, O Retrete de Dorian Gray, Payaso Piruleta & Cía., Pérez&Fernández, Teatro Marionetas Trécola, Títeres Cachirulo, Trinketrinke Teatro e Trompicallo. Pola súa banda, o teatro para público adulto estará representado por Funboa Escénica, Helen Bertels, a compañía do Teatro Ensalle e Xurxo Cortázar, ademais de pola xa mencionada Anómicoteatro.

En canto á maxia, actuarán nesta Rede A Illa dos Nenos e Os Sete Magníficos + 1, mentres que Daniel Abreu e Janet Novas presentarán as súas pezas de danza e Asacocirco e Pistacatro, de novo circo.

A Rede Galega de Salas conforma xunto coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño, os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Agadic, a oferta escénica e musical de produción galega e carácter profesional máis estable e ampla da nosa Comunidade.

A programación completa pode consultarse aquí.

Deixar unha resposta