O Colectivo RPM abre o prazo para as Residencias Paraíso 2018

Paraíso 2018 abre convocatoria para acoller ata oito proxectos en residencia, cunha dotación de 18.000 euros en total, nos diferentes espazos colaboradores entre mediados de marzo e finais de novembro de 2018. O prazo de envío da información necesaria para participar nesta edición pechará o día 12 de febreiro e está aberta a artistas do territorio galego e do panorama nacional.

 

Grazas á colaboración entre COLECTIVO RPM, como entidade independente adicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Xunta de Galicia, ábrese por segundo ano consecutivo a convocatoria de Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes do movemento en Galicia.

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación, impulsar a formación de novas agrupacións de artes do movemento, así como alimentar as necesidades das compañías consolidadas do territorio galego durante os seus períodos de creación. Enténdese por residencia artística un espazo e un tempo adicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dun produto escenico concluído.

Residencias Paraíso sucede tamen grazas á colaboración de distintos espazos cómplices no noso territorio, apoios fundamentais para a construción dun programa destas características. Desta forma o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Narón, o Concello de Ourense e o Concello de Carballo continúan como colaboradores nesta segunda convocatoria, e incorpóranse tres novos espazos: a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta, a Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e o Teatro Colón, neste 2018.

É importante sinalar que a incorporación destes novos espazos supón o apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, que se sitúan como coprodutores do programa 2018.

Residencias Paraíso abre convocatoria para acoller ata 8 proxectos en residencia cun importe total de 18.000 euros.

 

Espazos colaboradores en 2018

Neste ano 2018 Residencias Paraíso conta con nove espazos cómplices:

  • Teatro Rosalía de Castro da Coruña
  • Auditorio Municipal de Ourense
  • Fundación Luis Seoane da Coruña
  • Pazo da Cultura de Carballo
  • Pazo da Cultura de Narón
  • Vello Cárcere de Lugo
  • Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela
  • Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra
  • Teatro Colón da Coruña

As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das distintas fases dun proxecto como, por exemplo, a fase de investigación, a de escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica, así como residencias de carácter tecnico.

 

Destinatarios/as

  • Creadores/as de artes do movimiento de creación contemporánea.
  • Consolidados/as ou emerxentes.
  • Artistas con sede en Galicia e no resto do territorio nacional (*)

(*) Terán prioridade os/as artistas residentes no territorio galego. Poderán presentarse artistas seleccionados/as no programa do ano anterior, sempre e cando no sexa co mesmo proxecto seleccionado en 2017.

 

Temporalidade

  • As residencias ocorrerán entre marzo e novembro de 2018.
  • A duración de cada residencia será de entre dúas e tres semanas.
  • A convocatoria está aberta entre o 22 de xaneiro e o 12 de febreiro de 2018.
  • A selección farase pública na web do Colectivo RPM antes do 3 de marzo de 2018 trala confirmación cos/as artistas seleccionados/as.

 

Obrigas dos/as artistas seleccionados/as

  • Presentar unha memoria explicativa da estancia cun marxe de 15 días dende o final da residencia.
  • Facer constar a imaxe do Colectivo RPM, da Axencia Galega das Industrias Culturais, da Xunta de Galicia e do propio espazo anfitrión no material de difusión do proxecto.
  • Cumprir a normativa de uso específica de cada un dos espazos onde se realice a residencia.
  • Todos/as os/as integrantes de cada proxecto seleccionado deberán estar dados/as de alta na Seguridade Social durante o período da residencia.
  • Participar dun encontro conxunto co resto de artistas seleccionados/as nunha xornada aberta ao público o
    29 de novembro de 2018 na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta (Santiago de Compostela).

 

Encontro Residencias Paraíso 2018

A Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela acollerá o día 29 de novembro de 2018 o encontro anual de Residencias Paraíso 2018, coa participación de cada un/unha dos/as artistas residentes e dos espazos colaboradores do programa, onde se compartirán as claves de cada experiencia en residencia nunha xornada aberta ao público.

 

Importe

  • O importe total destinado para este programa e de 18.000 euros (impostos incluídos).
  • Cada proxecto en residencia contará cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 euros (impostos incluídos) en función das características de cada proxecto seleccionado (persoas involucradas no proxecto, duración da residencia, etc…)
  • O aloxamento, desprazamento e manutención corre a cargo das persoas residentes.
  • Pago fraccionado:
    • Entrega da primeira factura polo 50% do importe total no momento da concesión da residencia. (*)
    • Entrega da segunda factura polo 50% restante trala entrega da memoria xustificativa do período de traballo e o encontro previsto ao final do programa con todos os/as participantes. (*)

(*) No caso das residencias que suceden entre marzo e agosto de 2018 axustaranse os porcentaxes de pago de modo que a primeira factura sume o 75%, deixando o 25% restante para a segunda factura.

 

Documentación necesaria

  • 1. Formulario de inscrición online.
  • 2. Dossier de proxecto: documento cos detalles da investigación ou proxecto a realizar, nomeando, se fose o caso, outros colaboradores ou apoios cos que conte o proxecto.
  • 3. Traxectoria das persoas involucradas no proxecto con enlaces de vídeo de proxectos anteriores.
  • 4. Programación expandida: documento explicativo das propostas de diálogo coa comunidade e o espazo anfitrión en relación ao seu proxecto de investigación ou creación.
  • Os documentos incluiranse no formulario de inscrición online por medio dun enlace de descarga (por exemplo dropbox, google drive ou calquera servidor elixido que permita a súa descarga).

 

Criterios de selección

A selección dos proxectos será levada a cabo por unha comisión formada por tres profesionais das artes vivas do panorama local e nacional e dous artistas do Colectivo RPM.

Cómpre sinalar que en función dos proxectos presentados e da disponibilidade dos espazos algunhas residencias poderían quedar desertas.

A selección do espazo de residencia para cada un dos proxectos seleccionados pola comisión levarase a cabo tendo en conta as características fundamentais de cada proxecto así como a dispoñibilidade de datas do/a artista e do espazo. Aínda que non o podemos garantir en todos os casos, o criterio de adxudicación tentará proporcionar tanto a tipoloxía de espazo desexado polo/a artista como o período idóneo para a estancia en residencia.

Valorarase a integridade artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia.

 

Podedes atopar os formularios de inscrición aquí.

Deixar unha resposta