in

Masa madre + Sal marina

masa madre sal marina 1 |

O salitre

| Laura Porto |

 
Probablemente o pan sexa o alimento máis sinxelo e fundamental na vida do ser humano na maioría de culturas e épocas. Non en van foi sempre unha suba no prezo do pan o que acabou por catalizar as grandes revolucións da Historia. Un bo pan faise unicamente con fariña, auga, sal, paciencia e tempo. A sal é fundamental para a palatabilidade do produto final, mais cómpre ter en conta durante a elaboración que o exceso de sal detén a fermentación e pode converter o noso pan esponxoso e cheo de aire en algo desagradable, incomestible, destruído.

Esta destrución voluntaria está moi presente na peza de Cristina Balboa e Manuel Parra, inspirada no punk, segundo eles mesmos manifestan, tanto verbal como esteticamente a través dos seus vestiarios brillantes que, en certo xeito, son máis glam que punk. O lema do punk foi sempre “no future”, como ben nos cantaron os Sex pistols desde hai moitos anos até sempre, mais na peza destes creadores parece haber unha clara vontade de futuro que pasa polo amor que se teñen. Como Sid e Nancy, pero cunha posición na vida e no mundo claramente moito mellor.

Así que nos atopamos ante unha deconstrución posmoderna do punk máis que ante unha exhibición da dita subcultura.

Vese na súa estrutura, na súa declaración de intencións ao inicio da peza a vontade de tomar unha masa lista para meter no forno e, simplemente, baleirar un quilo de sal sobre ela polo simple pracer de destruir algo que custou traballo e tempo. Está ben, é lexítimo, mais o punk nunca foi destrución gratuíta e sacada de contexto. Pérdese aquí por completo a razón de ser da subcultura para convertela nunha pose ou un escudo, quizais de xeito intencionado, buscando falar do moito que nesta época nos interesan as carcasas en lugar dos contidos.

Dinnos eles, ao inicio, que esta peza era distinta, aristotélica, cunha estrutura fragmentaria, mais decidiron desbotar o seu traballo e limitarse a falarnos dos seus pensamentos sobre a vida e o teatro baixo unha luz cenital que apenas nos deixa verlles a cara ao tempo que nos cega co reflexo que fai nos folios que len.

Pouco a pouco, van convertendo o espectáculo nunha sorte de concerto que encaixa perfectamente no actual e posmoderno “subnopop”, para rematar falándonos da súa voda e recreándoa parcialmente para cantar a canción que da título á peza, deixando vibrar en nós a idea de que a sal está na xénese da vida do mesmo xeito que no seu fin absoluto.


Publicidade

 

Masa madre + Sal marina de Funboa escénica e Proxecto Pank

Creación/interpretación/texto: Cristina Balboa e Manuel Parra
Dirección: Cristina Balboa

Estrea no Teatro Ensalle. 26 de xaneiro de 2018

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

banner premios mc |

32 espectáculos optan aos Premios María Casares

EscenografiaDiazBaliño |

Camilo Díaz Baliño, protagonista dunha exposición na Biblioteca de Galicia