#camiños

O universal e o uniforme

| Manuel Xestoso |
| Foto: Javier Lojo |

 
Os procesos que nos conducen cara a iso que chamamos globalización poden tirar de nós cara a dúas realidades opostas: a universalidade e a uniformidade. Parece claro que non temos nada en contra de recibir culturas alleas nun intercambio xusto que implique que a nosa sexa respectada en igualdade de condicións: iso sería a universalidade. Pero o poder –e sempre estamos falando de estratexias de poder– sempre reacciona ante a diversidade tratando de eliminala, dado que é máis doado gobernar o igualado que o heteroxéneo: daquela imponse, ou trata de impoñerse, a uniformidade. Prodúcese entón o medo á desaparición do propio ante a ameaza dunha única forma de vida, dunha única cultura, dunha única lingua.

Para as culturas minorizadas, a coerción resulta aínda máis perentoria, dado que ao cuestionamento da súa supervivencia se suma a presión das prácticas culturais que a globalización estende. Por dicilo nas retranqueiras palabras dun xa histórico colectivo galego, á coacción do pequeno imperio súmase á do grande imperio.

#camiños trata de reflectir o desacougo ante o proceso de devalo da nosa cultura, ante o interrogante de que significado terá sermos galegas nun futuro próximo. Pero faino dende a perspectiva dunha xeración esquilmada pola precariedade –ese é o sentido que lle deberiamos dar á palabra millennial–, é dicir, dende o punto de vista dun colectivo cun arsenal moi diminuído para a resistencia.

O matiz é importante xa que Esther Carrodeguas abraza unha linguaxe escénica que se adapta aos hábitos desa xeración: non se trata dun texto acabado como os que nos ofreceu en Voaxa e carmín ou Na butaca, senón nunha especie de cabaré a medio camiño entre o teatro de variedades e esa tendencia que se identifica co “posdrama” (ironicamente aludido pola propia Carrodeguas). O resultado é ambivalente: por unha banda, non acaba de adquirir consistencia polo xeito algo desestruturado con que se presentan os argumentos; pola outra, ofrece frescura e inmediatez no tratamento dos asuntos que aborda. E, o que é máis importante, permite dirixirse ao público dende a trincheira do humor popular.

Así amósanos que a resposta ante o concepto de modernidade varía moito: non é o mesmo explicar a modernidade poñendo como exemplo unha blogger que viaxa polo mundo para facer sempre a mesma fotografía (de si mesma), que recuperando o dato de que Pontevedra foi a primeira cidade do Estado en ter iluminación pública eléctrica nas súas rúas. Nun caso, rexeitamos e, no outro, adherímonos: así se constrúen as identidades, escollendo.

Do mesmo xeito, a lixeireza facilita acollerse ao sentimental cando se fala do abandono do rural e, ao mesmo tempo, introducir o político reivindicando a Rosalía como símbolo dunha sociedade que “ten que tecer soia a súa tea”. Feminizar a simboloxía –e o humor– ten esa forza insubmisa que propicia o estrañamento ante o discurso hexemónico. E aquí volvemos á reivindicación da diversidade como antídoto ante o pensamento único

A galeguidade aparece en #camiños reconstruída cun humor que non se sabe se sobe ou baixa, se é para divertir ou para producir conciencia social. Talvez esa ambigüidade sexa ela propia unha forma de identidade que a obra explota para facer preguntas sobre un futuro que, curiosamente, tende a parecerse moito ao pasado: ao final, é a emigración a que acaba condensando todas as traxedias e todas as virtudes dun pobo. Ante o cadro dunha parella de emigrantes –unha galega que deixa Galiza e unha neta de emigrados que “volve” a ela–, a propia Carrodeguas pregunta: tería sentido este espectáculo fóra deste país?

A cuestión é sumamente interesante, porque resume moi ben o sentido da obra: queremos que sexan outros os que nos digan o que nos interesa ou seremos capaces de facer nós o teatro que precisamos? Seremos quen de erixirnos en centro de decisión ou delegaremos noutros esa función? A resposta, claro, tena o público.

#camiños de Esther Carrodeguas

Dirección: Xavier Castiñeira
Elenco
: Noelia Blanco, Noa Covelo, Celina Fernández, Esther F. Carrodeguas e Pia Nicoletti
Escenografía: Xavier Castiñeira
Asesoramento escenográfico: Diego Valeiras
Vestiario: ButacaZero e Diego Valeiras
Asesoramento corporal: Alba Blanco
Iluminación: Javi Quintana
Audiovisual: Fran X. Rodríguez
Coprodutores: ButacaZero e Centro Dramático Galego
Distribución: Culturactiva

Estrea no Salón Teatro, Compostela. 25 de xaneiro de 2018

 

Nota: este artículo foi modificado o 6 de febreiro de 2018 para incorporar á ficha técnica a Xavier Castiñeira como director do espectáculo, que, por erro, non fora incluído. Pedimos desculpas pola omisión.

Deixar unha resposta