Os contos tradicionais cítanse en Titerentroido

A edición de 2018 do Titerentroido de Lalín terá lugar do 10 ao 13 de febreiro no Museo Ramón Aller e nela, os contos tradicionais gozarán dun protagonismo especial.

Os catro espectáculos da mostra terán un costo de 3 euros por entrada, e contan cun interesante cartel realizado por nenos no obradoiro creativo “Cousas do demo … e o entroido”, dirixido por Julia Ferradás e Cristina Castro.

O festival arrancará o sábado 10 de febreiro, ás 18:00 horas, coa representación de Os soños na gaiola da compañía Títeres Alakrán. A obra é unha homenaxe do autor e director Roi Vidal a Manuel María, baixo a influencia do clásico de Lewis Carrol, Alicia no país das marabillas.

A compañía zamorana Baychimo Teatro ofrecerá o domingo 11 de febreiro a obra Contos en verso para nenos perversos, onde Roald Dahl reescribe os contos tradicionais para lles outorgar unha perspectiva diferente. Paloma Real e Ramón Enríquez son os fundadores desta compañía castelá.

O luns 12 de febreiro, ás 12:30 horas, será a quenda de Mans, un espectáculo de Os contos de Pablísimo, compañía fundada en 2001 e que leva producidos máis de 20 espectáculos de pequeno e medio formato. Mans é un espectáculo onde as historias se contan con palabras e as personaxes aparecen nas mans, recreando contos populares e propios.

Finalmente, o martes 13 de febreiro, Titerentroido baixará o pano coa posta en escena de Lobo bobo, cargo da compañía Elefante Elegante, creada en 2007 por María Torres e Gonçalo Guerreiro. A compañía non deixa de experimentar en distintas linguaxes teatrais. Neste espectáculo, recorre aos contos de sempre para crear unha nova historia onde conviven o cómico e o poético co teatro xestual e a música.

Deixar unha resposta