Comeza o XXIV Festival Internacional de Teatro Universitario de Compostela

Dúas compañías de Lituania e Italia e o Grupo de Teatro da Universidade de Granada xunto coa propia Aula de Teatro da USC conforman o cartel co que se presentará ao público a próxima semana a vixésimo cuarta edición do Festival Internacional de Teatro Universitario.

As catro funcións programadas celebraranse do luns 19 ao xoves 22 no Teatro Principal con entrada gratuíta previo paso polo despacho de billetes. Os espectáculos están programados para as 21.00 horas, mentres que a retirada de billetes poderá realizarse dende as 18.00 horas.

O programa arranca coa Piccola Compagnia Impertinente (Italia) que representará en inglés I don’t care de Pierluigi Bevilacqua, unha peza cunha duración de 60 minutos. O relevo tomarao o martes 20 À propos des amis et encore…, produción da Vilnius Gedimino Technikos Universitetas Teatras Studija Palèpè de Lituania. Esta é unha obra que se desenvolve sobre o texto de Zemaite e K. Ostrauska cunha duración de 75 minutos e en lituano.

O mércores 21 será a quenda do Grupo de Teatro da Universidade de Granada que presentará  Lorca en la suite de los espejos, unha produción de 40 minutos que parte de diversos textos do poeta. Finalmente, a Aula de Teatro da USC representará o xoves 22 Pasar por Nida, obra de 60 minutos en galego.

Este Festival conta co respaldo da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago.

Deixar unha resposta