in

‘O Fidalgo’ de San Luís Romero, por Rosalía Fernández Rial

OFidalgo011 |

“Unha casa probe na aldea de Bértoa. Porta ó foro direita; fenestra á esquerda, que dá á cuciña e ó curral. Debaixo da fenestra, un sarillo. Primeiro termo, á direita, unha ucha grande e vella; á esquerda, unha artesa. Segundo termo, á esquerda, antre a porta da cuciña i a fenestra, unha lacea grande separada da parede. Ó médeo, unha mesa, algúns tallos e varios trebexos, repartidos pola escea. Colgarán das paredes algúns cadros afumados e descooridos polo tempo. Unha tarandeira con algunha roupa. É pola mañán”.

Aproximadamente dese xeito amencía a escena do Teatro Principal un día coma hoxe hai este trimestre cen anos, en 1918. Celebrábase a exitosa estrea da obra O Fidalgo do dramaturgo carballés Xesús San Luís Romero e a acollida non podía ser mellor. De feito, a esa primeira vez, con pleno de público, sucederíana outras trinta máis. Outra trintena de abrentes nos que a citada aldea bergantiñá, Bértoa, recreaba, dentro e fóra de Galicia, un drama rural contra caciques e foros, de xeito costumista e procurador de xustiza social.

Mais, como testemuñan Pilar García Negro e Xosé María Dobarro Paz, na introdución ao libro que contén o texto en Edicións do Castro (1986), non toda crítica foi positiva. Hai quen acusou ao autor de “poeta del surco y de la tierra mojada” ou de “cantor de las acequias y de las cabanas humildes”.

Publicidade

Certo. Ninguén está libre de pecado.

Incluso os maiores amantes da literatura galega e da súa escena temos arremetido nalgunha ocasión contra os excesos decimonónicos, rexionalistas, de loubanza do rural; folkloristas, de muiñeira e refaixo. O galego ten que servir para todo! Bendita vangarda. Cómpre avanzar!

Mais, coidado. Non disparemos antes de preguntar. En moitos casos, os prexuízos acaban por cegarnos e non nos permiten ler con obxectividade. Iso me aconteceu, debo admitir, a primeira vez que atopei esta obra nos andeis da miña casa familiar durante a adolescencia: outro “drama rural” costumista. Co moderna que somos todas as teenagers! Se está na biblioteca dos pais e nais, non pode ser moita cousa.

Por fortuna, volvín ao texto con máis idade e menos ideas preconcibidas. Cambiouche ben o conto. O que precisaba era aprender a ler, a ler moito, a ver moito teatro, a pensar. A darlle unhas cantas voltas máis á cabeza. Arredor de min: Arredor de si.

Oe, e se no local está o universal? Eis a clave de lectura de O Fidalgo: o seu potencial simbólico. Só así se pode percibir que os personaxes de clase labrega son símbolos da resistencia popular ante o abuso de poder ou que a protagonista feminina representa a dignidade da muller diante do Fidalgo opresor.

Entón. Só entón: o conflito transcende o eido local e se internacionaliza, alén de tempos e espazos. Bergantiños é Galicia e esta o mundo enteiro. Máis alá do valor intrínseco da propia idiosincrasia, claro está.

Se me era tan doado apreciar o conflito universal do autoritarismo en La casa de Bernarda Alba, sendo un drama rural andaluz, por que tardei tanto en aprecialo na literatura propia? Ou, misterios da natureza humana do noroeste atlántico!

Se aproveito esta pequena ocasión para sincerarme en canto a este tema é porque penso que ese mesmo prexuízo persoal pode ser tamén, igual que na obra, galego e universal. Ou é que moitas persoas analizaron con rigor a arquitectura dos diferentes actos de O Fidalgo? Ou a calidade das pasaxes máis poéticas? Ou o abertas que deixa as posibilidades de escenificación se a percibimos con ollos do século XXI? Por que non chegou ao cine ou a traducirse ao catalán a pesar de existir, no seu momento, proxectos explícitos para tales fins?

En definitiva, cando me reconciliei coa obra do noso dramaturgo local, galego e universal, fun quen de a ler e a imaxinar o día da estrea como a obra merecía. Grazas a iso puiden, pois, escoitar con atención o rexistro dalgúns detalles históricos do día do mencionado debut que o investigador Xan Fraga recolleu e sistematizou para celebrar, con todo orgullo, o aniversario da xornada en que O Fidalgo triunfou no Teatro Principal de Compostela.

Publicidade

En Carballo, conmemoramos esa data no intre xusto en que se cumpría o centenario da estrea da obra: o 17 de xaneiro 2018 nun acto organizado pola Asociación Cultural Lumieira de Carballo, cun gran éxito de público, formado por familiares, veciños e veciñas de Xosé San Luís Romero. Un nome que, como algunhas persoas admitiron, só lles soaba do centro educativo que se chama así. Menos mal que existe xente lúcida, en todos os momentos da historia, que son capaces de resistir e de ilustrarnos sempre.

Vivan, pois, os “poetas do surco e a terra mollada”! Así como os “cantores das acequias e as cabanas humildes”. Que todos os improperios se convertan en poesía! Que a escena reverta todos os prexuízos e que no teatro permanezan as verdades importantes!

Con toda humildade animo ás xentes de Compostela que regresen a este noso dramaturgo carballés. Se discrepan e hai conflito, a dramaturxia está servida!

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

4074 |

Ourense estrea ‘Sénior’, comedia sobre a crise dos cincuenta

Asociacións |

Outras catro asociacións profesionais fan público o seu apoio a Carlos Santiago