in

María Bouzas recibirá o Premio de Honra Fernando Rey

Foto 8 |

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra “Fernando Rey” de 2018 á actriz galega María Bouzas. Co galardón, a AGA quere “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”. O Premio súmase a dous María Casares, cinco Mestre Mateo e un Premio da Cultura Galega, que subliñan a relevancia da carreira da homenaxeada.

Pese a ser natural de Mugardos, María Bouzas criouse, como tantas galegas e galegos, en Suiza. Logo de estudar Maxisterio e Arte Dramático, o seu primeiro traballo artístico foi en 1987 da man de Mario Gas, que dirixiu O mozo que chegou de lonxe para o Centro Dramático Galego. Dende aquel entón non deixou de pisar os escenarios, dirixida por figuras da importancia de Roberto Vidal Bolaño ou Manolo Lourenzo, e chegando a fundar con María Pujalte a súa propia compañía, retranqueiramente chamada “Compañía de Marías”.

Alén do seu éxito no teatro, foi na pequena pantalla onde a actriz mugardesa interpretou os seus papeis máis populares, como a Charo de Pratos combinados, a Carmela de Terra de Miranda ou a malvada Dona Francisca de El secreto de Puente Viejo, papel que encarna dende 2011 na lonxeva telenovela. Asimesmo, no cinema amosou a súa versatilidade traballando en multitude de roles ás ordes de cineastas como Patricia Ferreira, Gerardo Herrero ou Luís Avilés.


Publicidade

María Bouzas, que foi presidenta da AGA entre 2006 e 2009, recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 3 de marzo.

 

Na imaxe: María Bouzas, á esquerda, na montaxe do Centro Dramático Galego de Noite de Reis, de William Shakespeare, dirixida por Quico Cadaval. Foto: Tono Arias

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

slide submarino2018 |

O Festival Atlántica volve con máis de medio cento de funcións en oito concellos

Rosalias |

Teatro Antroido leva este domingo o seu traballo ‘Rosalías’ a Ponteareas