Miguel Sande gaña o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

O certame está organizado pola compañía viguesa Feira do Leste e conta co apoio da Deputación de Pontevedra

 

O I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e xornalista galego Miguel Sande coa obra A enterradora (blogue). O xurado, conformado pola directora teatral Cristina Domínguez, a actriz Areta Bolado e o dramaturgo Ernesto Is, destacan como “moi actual e orixinal o tratamento do tema da morte, moi presente na idiosincrasia galega”. Así como a “honestidade que presenta ao fuxir da linguaxe contemporánea pretensiosa e afondar nunha estrutura dramática que foxe dos canons”.

A obra de Sande, destacou sobre as 14 obras presentadas nesta primeira edición do certame “polas atmosferas sonoras e audiovisuais que consegue” e que, “permite a adaptación da peza a outros formatos como o radioteatro”, sinala a acta do xurado.

A compañía teatral Feira do Leste organiza este primeiro certame que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “O certame nace da necesidade de loitar contra as principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, que non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras, senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións”, sinala Javier Lojo, coordinador do certame.

 

Miguel Sande

Miguel Sande (Artexo, 1961) é escritor e xornalista galego. O seu primeiro libro publicado é Á alba pide comigo vivir, co que quedou finalista do Premio Nacional de Teatro Calderón de la Barca no ano 1984. En 1998, publicou a segunda obra de teatro, Ninguén chorou por nós, premiado co Rafael Dieste e no 2000 publica 39 veces chao, un monólogo a través dun teléfono móbil. En 2005 publicou Elas, que din, coa que resultou finalista do Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura.

Ademais, ten publicado obra como poeta –Palabras para despois da tose, Como a nudez escura da auga, A palabra soterrada…– como narrador –Se algún día esta muller morta (Premio de narrativa Breve Repsol), A candidata (Premio García Barros)…– e como ensaísta –Cuba, doce e soturna.

 

 

Feira do Leste

Feira do Leste xorde a finais do ano 2015 coma unha xuntanza de novos profesionais da interpretación, da dramaturxia e da dirección escénica que buscan explorar campos de expresión artística e temática no teatro físico, a performance ou a danza.

Integrada por persoas con ampla formación e experiencia escénica e audiovisual, Feira do Leste adapta esas linguaxes multidisciplinares dentro das novas manifestacións teatrais de carácter posdramático. A compañía asume o novo paradigma teatral de ruptura aristotélica e de traballo en colectividade, fragmentario, no que os xéneros e as técnicas expresivas hibrídanse e onde as temáticas están moi próximas á actualidade e á memoria común do pasado recente.

A primeira montaxe Exilio das Moscas (2016) conseguiu unha grande aceptación por parte do público e da crítica, sendo seleccionada no VI Festival “Vigo en Bruto”, no Festival SET de Porto e no Festival de Teatro Universitario de Santiago, entre outros. Continuando pola senda aberta coa primeira montaxe, nace Tras Tannhäuser (2017) un espectáculo que fala dos medos dende unha óptica xeracional e que foi seleccionada no Programa de Creación Joven Injuve 2016.

Durante o verán de 2017, estrease Aquí hai dragóns, unha experiencia multidisciplinar creada para o Festival Artes no Camiño de Sarria, así como o proxecto de integración das artes escénicas e a memoria colectiva dos pobos, co título de Lembrazadas (2017).

Deixar unha resposta