A AELG e os Xestores Culturais manifestan o seu apoio a Carlos Santiago

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de emitir un comunicado de apoio e solidariedade co dramaturgo Carlos Santiago despois do seu pregón no entroido de Compostela que recibiu ataques “máis propios do absolutismo medieval e preconstitucional de comezos do s. XIX que dun tempo democrático como debería ser o actual”. A AELG, comparte o manifesto de DramaturGA e incide, coma outras persoas e colectivos que xa manifestaron a súa solidariedade con Santiago, no pouco respecto aos “criterios de veracidade informativa se os feitos se elaboran ‘a partir dos recortes de declaración de testemuñas anónimas que disque estiveron alí’, explican”.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), igualmente, comunicou a través das redes sociais o seu apoio a Carlos Santiago.

Reproducimos a seguir os dous comunicados.

| Foto: Alberto Ramos |

 

 

Comunicado da AELG sobre o Entroido e o dereito á liberdade de expresión

Varios acontecementos dos últimos tempos, e especialmente a feroz crítica que desde sectores ultraconservadores se dirixiu contra Carlos Santiago, pregoeiro do Entroido en Santiago de Compostela, parece retrotraernos a tempos que semellan máis propios do absolutismo medieval e preconstitucional de comezos do s. XIX que dun tempo democrático como debería ser o actual.

Semella que unha neoinquisición anda á espreita, violando e atentando gravemente contra dereitos e liberdades tan básicas como a de expresión ou de lingua.

Máis grave aínda se pensamos que ese ataque furibundo a unha liberdade individual ten lugar nun período festivo como o do Entroido, que é (ou debería ser) unha parodia do que nos pasa na vida, que é cando ridiculizamos o feo e o grotesco, o que nos dá medo e exaltamos a inversión de sexos, de xerarquías sociais…, escenificamos o prohibido, dentro dun marco espacial e temporal e normativo ben regulado e controlado. Unha catarse liberadora para compensar carencias de liberdade que boa falta nos fai como demostran certos ataques retrógrados aos dereitos máis elementais.

Mala cousa que as/os cómicas/os teñan que dar explicacións do seu humor. Mala idea que dramaturgas/os, escritoras/es e poetas teñan que render contas a quen non se toma nin a molestia de escoitalos en primeira persoa. Peor idea é para unha comunidade someter a censura ao entroido e as súas expresións, como se o humor da xente estivese sometido a decisións de parte ou puidese estar sometido a outra cousa diferente da liberdade de expresión e do desexo do pobo de facer a súa propia crónica humorística da vida.

Someter -porque este é o verbo auténtico- a liberdade de expresión de cómicas/os e artistas é o que se pretende con esta campaña de acoso a Carlos Santiago como pregoeiro do Entroido en Compostela. Someter o humor entroideiro para ver se logo se pode someter todo o resto das cousas: a liberdade de expresión, a liberdade de pensamento, a liberdade de movemento e todas aquelas liberdades que forman o catálogo dunha sociedade non só moderna, tamén socialmente madura.

Censurar un chiste ou un gag, censurar o humor, é a primeira forma de censurar a intelixencia, de acabar coa posibilidade de ter outro punto de vista para o mundo. Renegar do humor é como renegar da posibilidade de xogar coas ideas. É renegar de ter ideas.

Diante disto, a AELG quere mostrar a súa solidariedade con Carlos Santiago e rexeitar que esta liberdade esencial, que forma parte da nosa tradición cultural, sexa atacada, ao tempo que rexeita as críticas inxustificadas sobre o seu pregón de entroido e súmase a todas as persoas e colectivos que defenden o traballo e o humor de Carlos Santiago e a liberdade de ter o sentido do humor que nos permita ser máis intelixentes.

Sería moi grave, ademais, que se faltasen aos mínimos criterios de veracidade informativa se os feitos se elaboran “a partir dos recortes de declaración de testemuñas anónimas que disque estiveron alí”.

A AELG comparte o manifesto O Humor é Sagrado, da Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGa, polo que tamén “rexeitamos a terxiversación que das súas palabras se está a facer, así como o acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, en defensa dun suposto respecto aos sentimentos, que ten como resultado un inxustificable ataque violento á súa persoa e á súa dignidade como traballador do humor e da dramaturxia.”

 

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)

Dende a AGPXC, manifestar todo o noso apoio a Carlos Santiago ante os inxustificados ataques dos que está a ser obxecto tralo pregón do Entroido. Xunto ao resto de persoas que conforman o ecosistema cultural galego, continuaremos loitando pola defensa da liberdade de expresión.

Deixar unha resposta