O mundo da cultura asina un manifesto en solidariedade con Carlos Santiago

O Manifesto A prol do Apóstolo Santiago recolle sinaturas en solidariedade co dramaturgo Carlos Santiago tras os ataques recibidos despois de protagonizar o pregón do Entroido en Compostela. Centos de persoas e colectivos da cultura de Galicia e Portugal xa asinaron o documento, que se suma aos diferentes comunicados publicados en apoio á liberdade de expresión e en desagravio ao dramaturgo.

 

 

Manifesto – A prol do Apóstolo Santiago

O verdadeiro Apóstolo Santiago, o auténtico, o noso, o picheleiro, o de aquí e agora, o de carne e óso, leva tempo predicando entre nós, e non predica no deserto. Se non existise, habería que inventalo. A súa palabra esclarecida, que dende as celestiais alturas catedralicias elabora unha radiografía ben contrastada das glorias e miserias compostelás, leva chegando dende hai ben anos a ouvidos da cidadanía atenta que frecuenta os teatros, as asociacións, os baretos e outros templos da cultura civil local. ECG, polo visto, non estaba informado disto.

Cando o Apóstolo abre a boquiña habería que escoitar con máis atención. O seu verbo é articulado, non unha lista de insultos, sacrilexios e herexías. O seu ánimo non é ofender, é criticar. A súa mensaxe é clara e inequívoca para quen a queira entender e teña a paciencia de escoitar alén das aparencias e as primeiras impresións. O seu é o humor, a sátira e a ironía que tan pouco lle presta aos hipócritas que se erixen en árbitros do “bo gusto,” sempre raudos a vilipendiar aquilo que nin sequera presenciaron. Para iso ECG si que parece ben disposto. Esa é a súa información.

Mais elaborar unha noticia a partir dos recortes de declaracións de testemuñas anónimas que disque estiveron alí (é que non había nin un triste reporteiro!?), inventar frases que o Apóstolo non dixo e armar con elas unha campaña de discurso apocalíptico sobre o que foi, nin máis nin menos, un pregón para as festas do Antroido, iso non se pode chamar información.

Pode chamarse amarelismo cando ao día seguinte se lle dá continuidade á noticia inventariando o número de medios que se fixeron eco da falacia. Era iso o que buscaban? Unha primicia sensacionalista?

Pode chamarse incitación ao odio acumular na lista de comentarios da web tal cantidade de insultos e ameazas por parte dos trolls sen tomar ningunha medida. Son permisibles as ameazas contra a integridade das persoas e o escarnio non o é? É dobre moral ou é que o agravio so funciona nunha única dirección?

Pode chamarse axenda ideolóxica ao feito de desprezar a un artista local -iso sempre é gratis- como accesorio do que verdadeiramente se pretende: a permanente criminalización do goberno municipal, guía e faro da súa liña editorial. Que se podía esperar do noso inimigo xurado?

Pode chamarse esperpento cando celebra con arroubo a convocatoria de misas de “desagravio” en Santiago e Zaragoza. Desagravio de que? Cal é o delito do Apóstolo Santiago?

Pode chamarse un novo ataque cavernario á máis elemental liberdade de expresión artística -lembremos o cartel do antroido da Coruña do ano pasado, a farsa dos monicreques terroristas, as denuncias contra cantantes… Je suis Charlie!-. Un ataque ao espírito crítico, antagonista e contestatario, que é a propia esencia do Antroido.

Pode chamarse moitas cousas o que fixo e está a facer ECG, pero información non é. É axitación, vontade de confundir e ganas de armar follón.

Para informarse ben é moito mellor escoitar ao Apóstolo Santiago en persoa, aínda que algún fariseo non sexa quen de soportar tanta verdade revelada. A súa primeira aparición na ágora pública, logo de moito tempo nas catacumbas artísticas, foi -non podía ser doutro xeito- sensacional. Agardemos que non sexa a última.

Convocamos á voz da cidadanía libre e democrática, especialmente ás agrupacións artísticas e culturais, a todas as institucións civís, políticas, sindicais, académicas e -por que non?- relixiosas, á profesión xornalística -como non!- e a toda persoa civilizada, a pronunciarse a prol da liberdade artística, en contra das argalladas da prensa tóxica e irresponsable e en apoio do auténtico Apóstolo Santiago, o único, o de verdade, o galego, non o palestino, ese pobo irmán.

Engánase quen afirme ou pense que a expresión artística, e máis no contexto do Antroido, non está amparada pola liberdade de expresión que defende a lexislación vixente. Neste país aínda é legal o escarnio de ideas, crenzas, mitos e ideoloxías dentro dun inequívoco sentido crítico e paródico. O verdadeiro Apóstolo Santiago non ataca nin ofende. Queremos que a súa palabra continúe esclarecendo as celebracións da cidade que lle debe o nome, e que nin sequera tivo a ben adicarlle unha triste rúa. Ata cando, ECG? Ata cando?

 


Podes asinar este manifesto nesta ligazón.

Deixar unha resposta