in

Titans

titans @julian mommert |

Sombra titánica

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Julian Mommert |

 

A escuridade dá á luz un ser cósmico e inclasificable, unha figura na que é posible apreciar a esencia impersoal da humanidade e detectar os elementos dun eu absurdo. Absurda e protésica, esa figura descubre a lóxica dun universo cambiante no que un tempo pretérito de titáns extintos conflúe co futuro apocalíptico dunha sociedade que desaparece. Estas poderían ser algunhas das claves que guían o espectáculo Titans, do creador grego Euripides Laskaridis, incluído na oitava edición do Guidance. Pero máis que un espectáculo, Titans é un imán cuxo poder de atracción provoca un efecto inquietante e ancestralmente perturbador en quen a el se aproxima.

Nun mosaico de sombras onde a luz crea espazos dentro do espazo, delinea tempos e atmosferas e interactúa co dúo de intérpretes que constitúen o propio Laskaridis e Dimitris Matsoukas, o público persevera en comprender as leis da cerimonia profana que oficia e detona a figura protagonista guiada por unha sombra permanente. O ridículo, a fraxilidade e o fracaso mestúranse na exploración do mundo desta criatura intrigante e colorista, divina e profana ao tempo, e que se move entre excéntricas escénicas domésticas e estampas conceptuais onde a acción simple se revela como intensa, onde a sinxela manipulación da materia, a luz e o son ofrece episodios de evocación magnética.

Publicidade

A potencia da proposta de Laskaridis reside en dúas forzas radicais: a da criatura que concibe e a das accións que materializa. Atendendo á primeira delas, ao igual que fixo en Relic (2016), o grego saíu primeiro á procura dunha forma externa que servise de continente para unha vida interior da que nacese un novo mundo. Foi así como, en colaboración co figurinista Angelos Mendis naceu esa presenza delicadamente grotesca de fronte protuberante, nariz extenso, vente inchado e zapatos de tacón. De esencia titánica e cun fondo sentido cómico e da verdade, esa figura habita un mundo á deriva entre o divino e o profano, entre o poético e o prosaico, entre o fogar e o desterro. Por outra parte, a potencia das accións que se derivan desta presenza empeñada en descubrir a razón que a rodea, conteñen unha verdade ineludible coa que se interna vitoriosamente na sombra do fracaso.

O mundo interior e o mundo exterior, o mundo visible e o invisible, o cotián e o sagrado, o ser e a máscara, fúndense en Titans dentro dunha sucesión incansable –ás veces, mesmo excesiva- de accións performativas na que os diferentes elementos se organizan dentro dunha xerarquía horizontal, na que o imprevisible se alía co improbable, na que asistimos ás luces do corpo e ao pánico da materia e na que, máis ca nunca, un ser humano diferente camiña sobre un chan diferente. O resultado é unha proposta sorprendente, unha farsa escura na que a humanidade en crise se (re)crea, avanza e e retrocede ata que todo remata como posiblemente comezou: cun divino esgarro.

 

Titans de Euripides Laskaridis

Dirección, coreografía e espazo escénico: Euripides Laskaridis.
Elenco: Euripides Laskaridis, Dimitris Matsoukas
Figurinos: Angelos Mendis.
Música orixinal e deseño de son: Giorgos Poulios
Programación, deseño de son e operación de música ao vivo: Themistocles Pandelopoulos
Instalación de son e operación de músico ao vivo: Nikos Kollias
Deseño de luz: Eliza Alexandropoulou
Instalación de luz: Konstantinos Margkas, Giorgos Melissaropoulos
Consultor de dramaturxia: Alexandros Mistriotis
Colaboración artística: Drosos Skotis, Diogenis Skaltsas, Thanos Lekkas, Nikos Dragonas
Asistencia de dirección: Dimitris Triandafyllou, Paraskevi Lypimenou
Asistencia de escena e figurinista: Ioanna Plessa.

Festival Internacional de Dança Contemporánea – Guidance. CIAJG / Black Box, 10 de febreiro de 2018.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Aida |

‘Aida’ e ‘Norma’ no Festival Internacional de Ópera Cidade de Pontevedra

dramaturxiasINAEM |

VII Programa de Desenvolvemento de Dramaturxias Actuais do INAEM