Preestrea de ‘Nimiedades’ de Helen Bertels

O vindeiro 9 de marzo Helen Bertels presenta o seu espectáculo Nimiedades na sala Ingrávida de Porriño. Ao día seguinte haberá unha segunda función desta obra interpretada pola propia Bertels xunto a Mónica de Nut.

 

Nimiedades é un espectáculo baseado no libro Diario de Nimiedades de Helen Bertels, que xira ao redor da idea de que a vida é un xogo e que se avanza resolvendo adiviñanzas. As dúas figuras que poboarán o escenario durante a noite de teatro á que acode @ espectador@, van atopando as adiviñanzas que lles pertencen e que formarán o camiño polo que se desprazan. Ou será que esas adiviñanzas son d@s espectador@s? As preguntas quizais as fagan esas figuras e pode incluso que agarden resposta… E o camiño, quen haberá no camiño?

Nimiedades, en palabras da propia autora, son 13 caixas de agasallo. 13 accións escénicas levadas a cabo por Helen Bertels e Mónica de Nut. Darán entrada a un universo feminino. A un mundo afastado e próximo á vez. Un mundo de adiviñanzas, paradoxos, choros e risas. Un mundo que dea forza e faga fuxir o medo. Un universo circular no que a escuridade non é apartada e maldita, no que é permitido chorar todos os días se fai falla e no que podemos facer o ridículo todo o que queiramos.

 

A compañía Helen Bertels establécese no ano 2011 coa estrea do solo Wir Frauen, espectáculo coproducido con La Tía Mardalina. Despois da seguinte produción, chamada AMOR (forma parte do proxecto Agasállame un día da túa vida e conta co acompañamento e apoio do ALTprocrea -programa do Festival ALT de Vigo- onde Helen Bertels é artista 2014) na que Helen Bertels tamén traballa en solitario, xorde Nimiedades, que é unha peza interpretada e creada por Helen Bertels e Mónica de Nut, feita coa axuda de Marta Pérez (Inversa Teatro).

 

Helen Bertels é actriz, creadora, autora e artista alemá, estabelecida en Santiago de Compostela desde 1999. Durante máis de 10 anos tense dedicado case exclusivamente ás artes escénicas traballando e formándose na compañía Matarile Teatro, o Teatro Galán, o Festival Internacional En Pé de Pedra e o CECC (Centro díEstudis Cinematogràfics de Catalunya). Logo decide ampliar horizontes e diversificar a súa actividade artística priorizando o que quere expresar, que desde sempre tivo unha estreita relación co mundo da muller.

Entre os seus traballos en escena destacan Wir Frauen (espectáculo coproducido con La Tía Mardalina), AMOR (espectáculo que conta co acompañamento e apoio do ALTprocrea -programa do Festival ALT de Vigo- onde Helen Bertels é artista 2014), poemas para levar (acción na que le do seu libro Diario de Nimiedades a paseantes) e Nimiedades (13 accións escénicas nas que traballa con Monica de Nut e Marta Pérez). Na actualidade está creando poemas visuais (series de collage de técnica mixta) en varios proxectos como autora, en Agasállame un día da túa vida (proxecto onde visita a mulleres para acompañalas durante un día e crear un retrato artístico delas), e en AMOR que é un espectáculo en continuo cambio.

 

Mónica de Nut é licenciada en canto pola Escuela Superior de Canto de Madrid, especialidade de Escena Lírica, titulada en canto no Conservatorio Profesional de Música de Vigo, diplomada en Maxisterio Musical pola Universidade de Vigo, estudou Jazz na Escola Estudio de Santiago de Compostela e no S.P.J de Pontevedra e canto tradicional galego na Etrad de Vigo e con Mercedes Peón. En danza formouse con Mónica García, Rut Balbís, Isabel Sánchez e Leodán Rodríguez.

Na súa traxectoria conta con tres discos publicados como solista (Mónica de nut trío no 2011, Dos Fios invisibles chegan as cores no 2014, Raíces Aéreas no 2016), concertos-performance en solitario con Voz Soa e No te Cortes coa ópera e colaboracións con agrupacións folk, jazz, música tradicional, contemporánea e montaxes de ópera e teatro. En 2016 foi gañadora do María Casares de Teatro á mellor música escénica por Manawee, da compañía Matrioshka, entre outros premios recibidos polo seu traballo na música.

Actualmente colabora na gravación do vindeiro traballo discográfico da música galega Mercedes Peón que será presentado proximamente e está de xira de presentación do disco Banda Tosta, co repertorio centrado en músicas de culturas minoritarias celtas europeas, producido por Txalapart e Oreka TX.

 

Deixar unha resposta