Xa á venda as entradas para o Festival Atlántica

Os prezos das entradas dos espectáculos de pago oscilan entre os 6 e os 10 euros. As funcións gratuítas non precisan reserva e a entrada é libre ata completar o aforo.

 

A partir de hoxe, 6 marzo, están á venda todas as entradas dos espectáculos de pago do Festival Atlántica 2018. Os interesados en asistir á Gala Inaugural ou de Clausura, poden mercar as súas entradas a un prezo de 10 euros, na billeteira do Teatro Principal de martes a sábado en horario de 18 a 21 horas e o mesmo día da función. Os máis dos espectáculos teñen un custo de 6 euros e pódense adquirir en Galantiqua (10-13 h, Preguntoiro 9, 1º dereita), na Librería Couceiro (17:30-20 h, Praza de Cervantes) e tamén nos lugares do evento unha hora antes do comezo da función.

Ademais, xa é posible reservar praza nos paseos narrados con Manuel Gago que tan boa acollida tiveron na pasada edición do Festival. Desta volta, Gago volverá ofrecer o espectáculo ‘Compostela negra’ e estreará ‘A Almáciga: cando as periferias explican o mundo’. O primeiro deles, que será o xoves 15 de marzo, ten un prezo de 6 euros e cómpre reservar praza no correo festivalatlantica@gmail.com. No caso do paseo pola Almáciga, vaise desenvolver o 20 de marzo coincidindo co Día Internacional da Narración Oral. Nesta actividade teñen prioridade os mozos e mozas entre 14 e 35 anos e a reserva pódese facer no Centro Xove da Almáciga, no 681 601 960 ou en centros@serviplus.org.

Pola súa banda, as actividades gratuítas desta VI edición do Festival Atlánticas non requiren reserva e a entrada é libre ata completar o aforo da sala.

 

Citas clásicas

A Gala Inaugural constitúe un dos momentos máis agardados do Atlántica. Nela danse cita boa parte dos narradores do festival e o público ten a oportunidade de coñecer novas voces e de se reatopar cos habituais. Este ano a gala vai contar coa presenza de Boniface Ofogo, Tâmara Bezerra, Nono Granero, Laura Escuela, Marian Colina, Lois Pérez, Paula Carballeira, Vero Rilo, Quico Cadaval, Avelino González, María da Pontragha, Ángeles Goás, Faia Díaz (de De Vacas), Cándido Pazó e Soledad Felloza. Unha nómina de contadores que chegarán cargados de historias de Camerún, Brasil, Xaén, Canarias, Madrid e, por suposto, Galicia.

No referente á Gala de Clausura, as narradoras Victoria Gullón (Zamora) e María da Pontragha (Galicia) serán as responsables de poñer o peche á sexta edición do Festival Atlántica cun espectáculo titulado ‘Entre romances e contos’.

 

O programa completo do Atlántica pódese consultar na web do Festival: http://festivalatlantica.com/.

Deixar unha resposta