Apoio do mundo da escena e o audiovisual a Iria Pinheiro

Este venres, Sermos Galiza adiantaba que a actriz Iria Pinheiro denunciaba ante o xulgado de instrución número 3 de Santiago unha situación de acoso que lle provocou un cadro de ansiedade. Segundo a denuncia interposta pola actriz, durante os tres meses de 2017 nos que traballou para o programa Con Amor e compañía, producido por Ficción Producciones para a Televisión de Galicia, sufriu “tocamentos, insinuacións, humillacións e comentarios” por parte do programa, Jose Luís Viñas Orta.

Pinheiro describe na denuncia e na devandita información xornalística diferentes episodios de abuso que se reproduciron numerosas veces ao longo dese trimestre e sinala que, cando se producía o rexeitamento pola súa parte, o director do progrma “reaccionaba primeiro con desdén e despois, con humillacións públicas”, indica a demanda citada por Sermos.

Ante esta denuncia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia fixo pública a súa posición de “total apoio” a Pinhiero e brinda apoio legal á actriz ao tempo que”aplaude a súa valentía”, nun comunicado que se fixo público a primeira hora da tarde e que reproducimos nesta páxina.

O Comité Intercentros da CRTVG tamén amosou o seu apoio á actriz, fixo pública a “máis absoluta repulsa e condena dos gravísimos feitos denunciados”, e esixe o cesamento do director acusado polo acoso.

Moitas persoas da profesión e do mundo da cultura amosaron a súa indignación a título persoal nas redes sociais e, segundo puido saber a erregueté – Revista Galega de Teatro, espéranse outros comunicados de asociacións profesionais apoiando a Iria Pinheiro nas próximas horas.

 

 

Comunicado da AAAG

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación e da dirección escénica, amosa o seu total apoio á actriz e asociada Iria Pinheiro tras presentar unha denuncia penal no Xulgado de Garda número 3 de Santiago de Compostela na que describe unha situación continuada de acoso por parte do director do programa emitido pola Televisión de Galicia Con amor e compañía, José Luís Viñas HortaNa citada denuncia, tal e como recolle o medio Sermos Galiza, a nosa compañeira Iria Pinheiro relata unha serie de feitos de extrema gravidade que, dende a AAAG, só podemos definir como deplorables e completamente intolerables ao tempo que os condenamos de forma enérxica.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, hoxe e sempre, está en plena disposición para brindarlle apoio legal ao conxunto do seu corpo asociativo fronte calquera situación denunciable como á que nos estamos a referir. No caso denunciado por Iria Pinheiro, a AAAG puxo a súa disposición no momento solicitado o asesoramento legal necesario e as persoas implicadas gardaron estrita confidencialidade ao respecto tanto da situación vivida coma das conversas que mantidas no contexto do asesoramento legal entre a nosa asociada coa letrada. Unha confidencialidade que se perserva até que Pinheiro decidiu presentar formalmente esta denuncia, que aplaudimos pola valentía que significa romper o silencio.

A AAAG solidarízase con Iria Pinheiro, compañeira desta asociación e profesional de contrastada traxectoria no noso oficio, fronte os abusos denunciados ao longo dos meses que durou a gravación do citado programa, situación que cualificamos de denigrante e noxenta, completamente incompatible cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas pola que apostamos e que defendemos dende a Asociación, constituída por profesionais do sector, mais tamén por cidadáns concienciados que procuran a erradicación tanto deste tipo de condutas de asoballamento machista, abusos de poder e acoso laboral coma o silencio e a invisibilización.

A AAAG conclúe este comunicando amosando unha vez máis o pleno apoio á nosa compañeira Iria Pinheiro, poñéndonos publicamente á súa disposición unha vez máis e aplaudimos a súa valentía. Ademais, lembramos ao noso corpo asociativo que esta Asociación e os seus recursos están ao seu servizo para enfrontar situacións desta gravidade.

Deixar unha resposta