in

Talía Teatro conducirá a gala dos XXII Premios María Casares

talia teatro ubu rei |
A compañía, que neste 2018 cumpre 30 anos de traxectoria escénica, ofrecerá un espectáculo dirixido por Artur Trillo e protagonizado por Diego Rey, Marta Lado, Marta Ríos, Xurxo Barcala, Dani Trillo, María Ordóñez e Toño Casais.

 

Talía Teatro conducirá a gala dos XXII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito a unha formación histórica do noso teatro a condución e presentación da gala deste 2018, ano no que precisamente a compañía celebra o seu trixésimo aniversario sobre as táboas.

O espectáculo, que estará dirixido polo actor e director Artur Trillo, contará cun elenco de sete intérpretes conformado por actores e actrices habituais nos traballos de Talía. Así, ao escenario do Rosalía Castro subirán Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Marta Ríos ou Diego Rey nunha montaxe que amenizará a entrega dos galardóns. Ademais, Artur Trillo contará en escena cos compoñentes do Coro Encaixe, que se encargará do apartado musical da cerimonia. Dani Trillo será o responsable da escenografía e Martina Cambeiro, da maquillaxe e vestiario dos intérpretes.

Publicidade

Talía Teatro súmase así á nómina de compañías teatrais que nos últimos anos asumiron a dirección e presentación da gala dos Premios de Teatro María Casares, encargo que a AAAG xa encomendou en edicións anteriores a outras prestixiosas formacións da nosa escena como son Chévere, Voadora, Ibuprofeno Teatro ou Elefante Elegante.

 

Talía Teatro

Talía Teatro, que cumpre trinta anos en escena neste 2018, aglutina un equipo de profesionais das artes escénicas que baixo a dirección de Artur Trillo acumulan anos de traballo en común e entre os que existe unha sintonía na forma de entender o feito teatral. Dende a súa posta en marcha en 1988 coa montaxe O Rei aborrecido, de Xesús Pisón, Talía tenlle regalado ao público máis de 40 montaxes diferentes. Desa ampla produción, podemos destacar montaxes como Gaivotas subterráneas (Alfonso Vallejo, 1991), Fando e Lis (Fernando Arrabal, 1994), A secreta obscenidade de cada día (Marco Antonio de la Parra, 1996), Soños dun sedutor, (Woody Allen, 2000), Menos Lobos (Artur Trillo, 2000), Xustiza Infinita (Cándido Pazó, 2002), Bicos con Lingua (VV. AA. 2003), Esperando a Godot (Samuel Becket, 2006), Pelos na lingua (2011), O método Grönholm (2012), Foucellas (Cándido Pazó, 2016) ou O servidor de dous amos (Goldoni, 2018), a súa montaxe máis recente.

Nesta edición dos galardóns, un total de 9 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo os espectáculos con maior número de finalistas Resaca, de ilMaquinario Teatro, que aspira a 10 galardóns; Martes de Carnaval, do Centro Dramático Galego, que opta a 9 galardóns; Soño dunha noite de verán, de Voadora, que compite en 7 categorías; A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas, que tamén aspira a 7, e Elisa e Marcela, que loita por alzarse con 6 galardóns. Durante a gala, a actriz e directora teatral Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra Marisa Soto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

academia1 |

A Academia Galega de Teatro preséntase ao público o 27 de marzo

ipinheiro |

Apoio do mundo da escena e o audiovisual a Iria Pinheiro