Unha quincena de artistas participan na Gala Inaugural do Festival Atlántica

O espectáculo será este mércores no Teatro Principal a partir das 20:30 horas, e será retransmitido en directo por Open Radio a través da súa web

 

Como en anos anteriores, o Festival Atlántica volve celebrar a súa tradicional Gala Inaugural na que se xuntan boa parte dos narradores que participan no encontro. Nesta edición o espectáculo vaise celebrar este mércores, 14 de marzo, no Teatro Principal, a partir das 20:30 horas. As entradas teñen un prezo de 10 euros e pódense adquirir na billeteira do propio teatro en horario de 18 a 21 horas e o mesmo día da función.

A Gala Inaugural é un dos momentos máis agardados polo público do Atlántica porque dálle a oportunidade de coñecer novos narradores e de se reatopar cos habituais. Desta volta a gala vai contar coa presenza de Boniface Ofogo, Tâmara Bezerra, Nono Granero, Laura Escuela, Marian Colina, Lois Pérez, Paula Carballeira, Vero Rilo, Quico Cadaval, Avelino González, María da Pontragha, Ángeles Goás, Faia Díaz (de De Vacas), Cándido Pazó e Soledad Felloza. Unha nómina de contadores que chegarán cargados de historias de Camerún, Brasil, Xaén, Canarias, Madrid e, por suposto, Galicia.

Como novidade, este ano a Gala Inaugural vai ser retransmitida en directo por Open Radio, así que os amantes dos contos que estean lonxe tamén van poder gozar das historias dos artistas. Os interesados en escoitala simplemente terán que entrar na web da emisora (www.openradio.es) e de xeito automático terán acceso á emisión. Outra posibilidade é conectarse a través da app de Open Radio, que está dispoñible tanto para iOS como para Android.

 

Atlántica para todos

Con este espectáculo dá comezo oficialmente a sexta edición do Festival Atlántica, que este ano segue a apostar por espallar as súas actividades por toda Galicia. Así, sete concellos van acoller espectáculos de narración oral durante os días de celebración do festival: A Coruña, Ourense, Ferrol, Lalín, Teo e Pazos de Borbén, amais de Santiago de Compostela. Entre todos eles suman 25 artistas e máis de 50 espectáculos.

No caso concreto de Santiago, a colaboración do Concello a través da Concellaría de Acción Cultural vai permitir que o festival se desenvolva en múltiples espazos por toda a cidade. As historias atlánticas van ocupar teatros, bibliotecas, escolas, centros cívicos, prazas, rúas, bares, museos e centros de arte.

Tamén cómpre salientar que o Atlántica segue a se comprometer coas funcións destinadas aos máis cativos e que nesta edición hai oito espectáculos gratuítos dirixidos ao público familiar amais das funcións en centros de ensino. Ao igual ca noutras edicións, volven os contos en lingua signada e, como novidade, vai haber un espectáculo que contará coa participación da Banda de Música de Santiago de Compostela.

Deixar unha resposta